A oposición tamén decide en Carballo

Hai Concellos da zona onde os plenos son uns auténticos circos onde os insultos persoais están moi por riba dos argumentos políticos. Pero que podemos dicir vendo o que vemos cada día no Congreso dos Diputados a nivel estatal. Pero tamén hai exemplos onde grupo de goberno e oposición poden falar, poden chegar a acordos.

Así o comprobamos hoxe trala xuntanza entre o Alcalde de Carballp, Evencio Ferrero, e os voceiros de todos os grupos municipais -Miguel Ferreiro polo PP, Manuel Andrade por TEGA e José Antonio Viña, polo PSOE-. A xuntanza tratou sobre a Ordenanza número 10 de sumidoiros e depuración de augas, tras unha petición do voceiro do PSOE e tras varias modificacións que saíron no pleno do pasado outubro. O obxectivo, ao tratarse dunha das normativas máis recentes e actualizadas, é estudar o texto para inspirarse nalgún dos seus puntos. A próxima xuntanza está prevista para o luns 16 de decembro.

Melloras nos camiños de 12 parroquias

Ademais, o Concello asinou dous contratos coaa empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino para a mellora e rebacheo de camiños en ata doce parroquias do municipio carballés e por un importe que supera os 270.000 euros.
O primeiro contrato que se subscribiu está incluído no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) de 2013 e trátase do "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños nas parroquias de Razo, Sofán, Berdillo, Lema, Aldemunde, Goiáns e Carballo no Concello de Carballo". O prezo de adxudicación é de 84.458 euros (IVE incluído) e o prazo de execución de 90 días.
Hai que lembrar que o POS 2013 inclúe tres proxectos, sendo os outros dous a "Mellora de abastecemento en Xoane (Goians) e Carracedo (Ardaña)"; e a creación dunha "Rede de saneamento en Castelo, 2ª Fase, parroquia de Vilela".

O segundo contrato asinado onte, luns 9 de decembro, na Alcaldía, trátase do "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Sísamo, Cances, Oza, Razo e Lema no Concello de Carballo". Neste caso as obras están financiadas con cargo ao remanente de tesourería das arcas municipais. O prezo de adxudicación é de 188.155 euros (IVE incluído) e o prazo de execución estipulado de 45 días.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Carballo.