Adeus a 30 anos de Padroado Deportivo en Carballo

O Padroado Deportivo Municipal disolveuse o pasado 31 de decembro, despois de 30 anos de vida, e desde o 1 de xaneiro a actividade deportiva é xestionada directamente pola Concellaría de Deporte a través do Servizo Municipal de Deportes do Concello de Carballo. Por ese motivo, os pasados días 30 de decembro e 2 de xaneiro celebráronse unhas xornadas de portas abertas nas piscinas municipais.

A disolución do Padroado Deportivo Municipal é un "proceso destinado a simplificar a administración e a optimizar esforzos", segundo informa o Concello, "pero que non suporá ningunha variación substancial na xestión deportiva municipal".

Actualmente as instalacións deportivas municipais contan con 4.269 abonados e con 1.857 persoas inscritas nas súas actividades. Os accesos ás instalacións no último ano foron un total de 226.891.

A colaboración de entidades e asociacións deportivas é fundamental para consolidar un programa anual de eventos deportivos en colaboración co sector do deporte en Carballo, atraendo eventos de nivel de ámbito galego ou estatal como os que se teñen celebrado nos últimos anos en todas as instalacións e espazos municipais, dende as piscinas e pavillóns aos campos de fútbol ou o Circuíto de Motor, ademais de espazos naturais como as praias ou a Ruta das Férvedas, entre outros.

Novas relacionadas

Fonte