Ana Pontón ve Carballo "a tope"
Visitaba onte a portavoz nacional, Ana Pontón a vila de Carballo. Coincidindo cun xoves de feira, e paseando xunto ao novo alcalde Daniel Pérez, Pontón deixou un bo titular: “Vexo Carballo a tope” e cun “impulso renovado” da man do goberno municipal, sinalando que “está a tope de proxectos para seguir transformando Carballo, para mellorar a vida das persoas e para seguir construíndo ese orgullo de ser de aquí”.
Quixo destacar os “investimentos millonarios” que se van a levar adiante na vila para seguir mellorando a calidade de vida dos veciños e das veciñas, para seguir incrementando a cohesión social, para seguir impulsando o desenvolvemento económico e para continuar avanzando nunha clara aposta pola cultura e pola lingua.
“O que vexo é que Carballo ten un gran alcalde que está a tope con proxectos e ideas para seguir mellorando a vida da veciñanza e que lle dan un impulso renovado a un concello que é un referente dos concellos BNG, pola súa capacidade de transformación en positivo para ganar dinamismo social, para crear emprego e, en definitiva, para demostrar que temos un gran proxecto para que Carballo siga avanzando”, afondou.
Os grandes proxectos: circunvalación e Centro Integral de Saúde
Neste contexto, Pontón referiuse en primeiro lugar á circunvalación de Carballo, á que, unha vez adquirido o compromiso de ampliar o polígono empresarial, considerou fundamental darlle a capacidade necesaria para asumir todo o tráfico que vai supoñer a actividade do parque.
“Neste momento hai unha partida que é absolutamente irrisoria, sen ambición, e no BNG o que temos é ambición por Carballo, por iso defenderemos unha emenda nos Orzamentos da Xunta para que se dote con cinco millóns de euros a variante de Carballo”, anunciou, ante a que considerou “unha obra necesaria” que ten ademais “o consenso social” e de “todos os sectores económicos”.
E, en segundo lugar, a portavoz do Bloque tamén puxo o foco no ámbito sanitario e, concretamente, na ampliación do único centro de saúde que ten a localidade, a única poboación de máis de 30.000 habitantes que ten un só centro destas características.
Por iso, avanzou que o BNG reclamará ao Executivo do PP que “cumpra cos veciños e veciñas e asuma esa ampliación”, para o que tamén presentará unha emenda aos Orzamentos de 2026 dotada de dous millóns de euros co obxectivo de que “a ampliación do centro de Carballo sexa unha realidade”.