ASPABER e a USC presentaron 13 recursos didácticos interactivos adaptados para persoas con diversidade funcional

Así foi a presentación dos resultados no Fórum o pasado venres

ASPABER viviu o pasado venres unha xornada moi especial no Fórum de Carballo coa presentación das APS deseñadas e elaboradas polo alumnado de Tecnoloxía Educativa de 3º curso do Grao de Pedagoxía da Universidade de Santiago de Compostela, dentro do convenio de colaboración que a entidade mantén coa USC.

O acto reuniu arredor de 80 participantes e permitiu dar a coñecer un total de 13 novos recursos didácticos interactivos adaptados ás persoas con diversidade funcional, creados co obxectivo de apoiar aos usuarios e usuarias de ASPABER en diferentes situacións da vida cotiá.

Entre os materiais presentados atopábanse propostas como Micromundo, O meu día na perruquería, Como poñer unha lavadora?, Imos vacinarnos!, Libro interactivo de sons... proxectos que abordan cuestións prácticas e funcionais como acudir a unha perruquería ou restaurante, utilizar unha lavadora, un microondas ou unha máquina expendedora, acudir a vacinarse ou aprender a xestionar a resposta emocional ante diferentes situacións.

Desde a entidade quixeron agradecer o apoio municipal, e especialmente a implicación de todo o alumnado e profesorado participante nesta experiencia, destacando o valor de crear solucións innovadoras, accesibles e funcionais para dar resposta aos retos diarios que afrontan as entidades sociais.
Con iniciativas coma esta, ASPABER continúa fortalecendo a súa colaboración co ámbito universitario e educativo, apostando pola innovación social e pola creación de ferramentas que melloren a autonomía e a inclusión das persoas con diversidade funcional.