A Xunta actuará para liberar a lagoa de Baldaio ante a presión social xerada
- A veciñanza mantñen a concentración prevista para esta tarde de venres
A alarma social xerada e as continuas peticións do Concello de Carballo fan que por fin, a Xunta, tome medidas contra a colmatación da lagoa de Baldaio. A castigada ría leva dende maio sen ter saída natural ao mar, o que dificulta a renovación da auga da lagoa, favorece episodios de anoxia e incrementa de forma significativa a temperatura da auga, comprometendo tanto o estado de conservación dos hábitats e especies presentes neste espazo como a viabilidade da actividade marisqueira, así como as condicións adecuadas de salubridade.
Se ben a Xunta si que accedeu o pasado decembro a realizar a acción mecánica de abrir a canle ao mar con grandes pas (nesa época do ano as inundacións tamén eran un problema serio para a veciñanza), a Xunta levaba 3 meses sen responder ás peticións do Concello e da cidadanía.
Esta tarde de xoves a Xunta anunciaba que vai “impulsar actuacións inmediatas na lagoa de Baldaio, en Carballo, para corrixir a situación hidroecolóxica actual deste espazo natural”. Anuncia ademais que vai ”avanzar na definición dunha solución estable que garanta a súa conservación e compatibilice a protección ambiental coas actividades tradicionais vinculadas a este ecosistema, como é a marisqueira”.
Colaboración
O protocolo establece que a Consellería do Mar achegará os medios materiais necesarios e coordinará e autorizará estas actuacións co Concello de Carballo, que se ocupará da xestión, conservación e ordenación dos bens de uso público, así como de protección do medio ambiente urbano e da salubridade pública.
A apertura da canle executarase coincidindo coa baixamar para aproveitar a propia dinámica mareal e favorecer a recuperación do intercambio natural da auga. Ademais, durante a execución dos traballos, adoptaranse as preceptivas medidas de seguridade e limitarase o tránsito de maquinaria ás áreas estritamente necesarias para minimizar a afección sobre os hábitats e as especies protexidas.A veciñanza mantén a concentración
Este vernes a veciñanza de Baldaio e a comarca ía volvar sacar as pás de area para repetir a acción simbólica de abrir ao mar a colmatada, dende maio, lagoa. A veciñanza mantén a convocatoria para manter a presión e que a cousa non quede nun anuncio. Ás 20:30 na ponte da ría de Baldaio.
O Concello celébrao
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, valorou de maneira moi positiva que a Administración autonómica asuma finalmente a posición defendida desde o primeiro momento polo goberno municipal: a necesidade de acometer con carácter urxente a apertura mecánica da canle da lagoa de Baldaio. A proposta de protocolo remitida pola Xunta ao Concello inclúe como principal actuación inmediata a recuperación da canle entre o aliviadoiro e a praia, co obxectivo de favorecer a circulación da auga e restablecer a conexión ecolóxica entre a lagoa e o medio mariño. A actuación executaríase coincidindo coa baixamar e adaptándose á dinámica natural do sistema. “É unha boa nova que a Xunta recoñeza a urxencia dunha actuación que levamos semanas reclamando desde o Concello e que resulta imprescindible para frear a deterioración ambiental da lagoa e os prexuízos para a actividade marisqueira e para as familias e os negocios da contorna”, sinalou Daniel Pérez.O Futuro
Aparte destas actuacións urxentes, o protocolo aposta tamén por abordar o futuro da lagoa desde unha perspectiva integral e a longo prazo. Para iso, prevese a creación dunha comisión técnica de seguimento –integrada por representantes das consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar, do Concello de Carballo e da Demarcación de Costas do Estado– co obxectivo de compartir a información técnica dispoñible e colaborar na elaboración dunha proposta global de intervención e xestión da zona húmida.
Nese sentido, a Xunta aproveitou para intentar implicar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na situación.


