Avanza a reforma integral da Avenida de Fisterra de Carballo, que se pon de prazo o 2028

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantiveron este martes unha proveitosa xuntanza en San Caetano, na que se produciron importantes avances en dous proxectos tan destacados e necesarios para o noso concello como a construción de vivenda pública e a reforma integral da Avenida de Fisterra. Á reunión asistiron, en representación do concello, o concelleiro de Contratación, Ramón Varela, e o enxeñeiro José Facal; mentres que por parte da Administración autonómica tamén estiveron presentes o director xeral de Infraestruturas e a xefa territorial.

Avenda Fisterra

En canto á Avenida de Fisterra, o goberno municipal de Carballo presentou un anteproxecto de reforma integral valorado en 2 millóns de euros. Na reunión acordouse que por parte do Concello se encargará xa o proxecto definitivo para poder asinar este mesmo ano un convenio de colaboración a tres anos entre as dúas Administracións, de xeito que a obra poida estar executada no 2028.

VIVENDA

Con respecto á vivenda de promoción pública, por parte do Concello de Carballo xa se teñen iniciado os trámites para a cesión dunha parcela de 1.998 metros cadrados á Xunta de Galicia. O expediente está agora en fase de exposición pública, e está previsto que sexa aprobado polo pleno da corporación na sesión ordinaria de xullo. A partir dese momento será remitido á Consellería de Vivenda, cuxa titular adquiriu o compromiso de encargar de maneira inmediata o proxecto de execución.

Máis novas