luns. 16.06.2025
El tiempo

O BNG da Costa da Morte pediu en Europa unha unha política de vivenda xusta

  • Nesta liña, o Concello de Carballo inicia os trámites para a cesión dunha parcela de case 2.000 metros cadrados á Xunta para a construción de vivenda pública.
Xurxo Rodriguez do BNG de Camarinas no Parlamento Europep
Xurxo Rodriguez no Parlamento Europe
O BNG da Costa da Morte pediu en Europa unha unha política de vivenda xusta

O BNG da Costa da Morte vén de reivindicar políticas de vivenda nas que se priorice a promoción pública, a potenciación de infraestruturas e servizos públicos que favorezan a mobilidade das persoas a través do transporte público e a intervención no mercado, logo de que o seu responsable comarcal, Xurxo Rodríguez, participase esta semana no Parlamento europeo nunhas xornadas tituladas “Vivenda digna e asequíbel para todos os pobos de Europa”. 

Este acto, organizado pola eurodeputada nacionalista Ana Miranda e o grupo Alianza Libre Europea, xuntou durante o 11 e 12 de xuño en Bruxelas a representantes institucionais de diversas nacións sen Estado e doutros territorios europeos, para tratar sobre a problemática do acceso á vivenda. A presión do turismo, a especulación inmobiliaria, ordenación do territorio, mobilidade e a falta de políticas públicas eficaces foron os principais asuntos tratados na xuntanza.

“Foron unhas xornadas moi enriquecedoras e que serviron para pór sobre a mesa un problema moi importante que está a afectar á cidadanía, tamén por suposto na Costa da Morte”, afirmou Xurxo Rodríguez, que subliñou que “hai que impulsar políticas públicas que aposten por intervir no mercado da vivenda para regular os prezos, evitando a especulación, así como potenciar unhas infraestruturas axeitadas que permitan a mobilidade e a fixación de poboación”.

Rodríguez destacou a importancia de que os habitantes da Costa da Morte que estean a buscar vivenda se anoten no rexistro de demandantes que ten habilitado o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). O representante nacionalista, que reprochou á Xunta a falta de construción de vivendas de promoción pública, sinalou que “os datos que temos indican que nos municipios da Costa da Morte, agás en Cee, non existe apenas demanda de vivenda, e iso non se corresponde coa realidade, porque a xente non é coñecedora de que existe o rexistro de demandantes”. 

Xurxo Rodríguez insistiu en que a Xunta non fixo nada para abordar este tema. “A veciñanza está a sufrir a dificultade de alugar un inmoble e está padecendo un aumento dos prezos que é insoportable”, concluíu.

Iniciativa en Carballo

Nesta mesma liña, o Concello de Carballo iniciou os trámites para a cesión dunha parcela de 1.998 metros cadrados á Xunta de Galicia, unha vez que desde o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) se ten manifestado a intención de desenvolver a edificación de vivenda de promoción pública en solo urbano. O solar en cuestión dá fronte ás rúas Médico José Manuel Lado e Sofía Casanova, na zona coñecida como Riotorto.

A parcela, de titularidade municipal, está valorada en 761.182 euros, tal como figura no informe do arquitecto municipal que forma parte do expediente, que pode consultarse máis abaixo.

Comentarios