Avanzan as obras para restaurar a lagoa de Baldaio mentres se analiza a solución a longo prazo
Avanzan os traballos para recuperar a conexión natural entre a lagoa de Baldaio e o mar. A actuación, executada pola Xunta de Galicia no marco do protocolo acordado co Concello de Carballo, ten como obxectivo retirar a acumulación de area que bloquea a canle e restablecer progresivamente o intercambio de auga entre a zona húmida e o océano.
Unha intervención necesaria debido ao peche da canle de comunicación co océano, que provocou a colmatación da lagoa dende o mes de maio, o que que dificulta a renovación da auga da lagoa e favorece o incremento da temperatura e os episodios de falta de osíxeno. Esta situación afecta aos hábitats e especies presentes na zona húmida e tamén compromete a actividade marisqueira tradicional.
A maquinaria está a actuar aproveitando as condicións da baixamar e a propia dinámica das mareas. Nunha primeira fase procédese ao rebaixe da acumulación de
area existente para crear unha pendente que facilite a saída progresiva da auga da lagoa. A continuación completarase a apertura da canle ata acadar as condicións
necesarias para favorecer de novo un fluxo gradual entre a lagoa e o mar.
Desde o Concello de Carballo continuarase a realizar un seguimento permanente da evolución da intervención e da situación ambiental da lagoa, en coordinación co resto
das administracións implicadas.
Un paso previo para unha solución a longo prazo
O alcalde, Daniel Pérez, durante a súa visita, destacou que a posta en marcha destes traballos “é un paso necesario e urxente para recuperar as condicións ambientais de Baldaio, pero o noso obxectivo ten que ir máis alá: precisamos avanzar nunha solución que garanta a conservación da lagoa a longo prazo e evite que situacións coma esta se repitan”.
Porque o acordo entre administracións vai máis alá da actuación de emerxencia. As administracións implicadas avanzarán, a través dunha comisión técnica de seguimento, na definición dunha
proposta integral e estable de intervención e xestión da lagoa de Baldaio. O obxectivo é garantir un estado de conservación favorable dos seus hábitats e
especies, preservar os aproveitamentos marisqueiros tradicionais e asegurar un uso sustentable dun dos espazos naturais máis valiosos do litoral de Carballo.
Desde o Concello insístese en que a apertura da canle constitúe un primeiro paso imprescindible, pero que será necesario manter a coordinación institucional e o seguimento técnico para avanzar cara a unha solución duradeira para Baldaio.