A campaña de prevención das lesións medulares de Íntegro cumpre 28 anos percorrendo os centros educativos da zona

Presentación da campaña de prevención das lesións medulares na Casa do Concello de Carballo.
A asociación presentou hoxe o cartel e o programa de charlas para este ano, que arrincarán esta semana.

A campaña de prevención das lesións medulares foi unha das primeiras actividades organizadas pola asociación Íntegro, e aínda que dende a súa primeira edición, no ano 1992, foi mudando en formato e en destinatarios, o seu obxectivo segue sendo o mesmo. “Se conseguimos evitar unha soa lesión medular xa pagou a pena”, asegurou o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, na presentación que tivo lugar onte, martes 21, á mañá na Casa do Concello de Carballo.

Xunto a el estiveron os membros da xunta directiva David Pombo e José Manuel Mira; a educadora social da entidade, Tania Bartucca; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, quen destacou que o cartel deste ano é “significativo” porque, efectivamente, “calquera descoido, unha mala caída... poden cambiarse a vida para sempre”.  

O alcalde, pola súa banda, felicitou a Íntegro non só pola campaña de prevención das lesións medulares, senón “por todo o traballo que está a facer día a día para conseguir unha sociedade inclusiva, na que toda a xente, á marxe das súas circunstancias físicas, teña a oportunidade de demostrar as súas capacidades”.

A campaña 2020 arrincará este venres 24 e ao longo das vindeiras semanas irá percorrendo distintos centros de secundaria da Costa da Morte. Tania Bartucca apuntou que se algún colexio ou instituto non recibiu información e está interesado en participar só ten que poñerse en contacto con Íntegro no enderezo electrónico formacion@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

Adolfo López lembrou que no ano 1992 a asociación tiña unha directiva formada por doce persoas, todas con lesións medulares, todas novas e todas da mesma zona. “A Costa da Morte _dixo_ era un punto negro a nivel estatal”. Nunca se saberá a influencia que tiveron as campañas de prevención, pero os datos confirman que as lesións medulares reducíronse nestes 28 anos entre a xente nova. A parte negativa é que aumentaron entre as persoas maiores, polo que Íntegro xa está a pensar en iniciativas específicas para este sector da poboación.

A campaña de prevención das lesións medulares está especialmente orientada a alumnado de 3º e 4º cursos da ESO. Para os de infantil e primeiro ciclo de Primaria, Íntegro ten en marcha o programa Diverescola, e para os seguintes ciclos tamén está dispoñible a experiencia Visítanos. En calquera caso, dende a asociación existe a mellor das disposicións para atender calquera petición para estes ou outros colectivos.