Xoves. 10.10.2024
El tiempo

A campaña de prevención das lesións medulares de Íntegro cumpre 28 anos percorrendo os centros educativos da zona

A asociación presentou hoxe o cartel e o programa de charlas para este ano, que arrincarán esta semana.
21012020 campanha_prevencion_lesion_medular (1)
Presentación da campaña de prevención das lesións medulares na Casa do Concello de Carballo.
A campaña de prevención das lesións medulares de Íntegro cumpre 28 anos percorrendo os centros educativos da zona

A campaña de prevención das lesións medulares foi unha das primeiras actividades organizadas pola asociación Íntegro, e aínda que dende a súa primeira edición, no ano 1992, foi mudando en formato e en destinatarios, o seu obxectivo segue sendo o mesmo. “Se conseguimos evitar unha soa lesión medular xa pagou a pena”, asegurou o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, na presentación que tivo lugar onte, martes 21, á mañá na Casa do Concello de Carballo.

Xunto a el estiveron os membros da xunta directiva David Pombo e José Manuel Mira; a educadora social da entidade, Tania Bartucca; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, quen destacou que o cartel deste ano é “significativo” porque, efectivamente, “calquera descoido, unha mala caída... poden cambiarse a vida para sempre”.  

21012020 campanha_prevencion_lesion_medular (2)

O alcalde, pola súa banda, felicitou a Íntegro non só pola campaña de prevención das lesións medulares, senón “por todo o traballo que está a facer día a día para conseguir unha sociedade inclusiva, na que toda a xente, á marxe das súas circunstancias físicas, teña a oportunidade de demostrar as súas capacidades”.

A campaña 2020 arrincará este venres 24 e ao longo das vindeiras semanas irá percorrendo distintos centros de secundaria da Costa da Morte. Tania Bartucca apuntou que se algún colexio ou instituto non recibiu información e está interesado en participar só ten que poñerse en contacto con Íntegro no enderezo electrónico [email protected] ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

Campaña de prevención da lesión medular (1)

Adolfo López lembrou que no ano 1992 a asociación tiña unha directiva formada por doce persoas, todas con lesións medulares, todas novas e todas da mesma zona. “A Costa da Morte _dixo_ era un punto negro a nivel estatal”. Nunca se saberá a influencia que tiveron as campañas de prevención, pero os datos confirman que as lesións medulares reducíronse nestes 28 anos entre a xente nova. A parte negativa é que aumentaron entre as persoas maiores, polo que Íntegro xa está a pensar en iniciativas específicas para este sector da poboación.

A campaña de prevención das lesións medulares está especialmente orientada a alumnado de 3º e 4º cursos da ESO. Para os de infantil e primeiro ciclo de Primaria, Íntegro ten en marcha o programa Diverescola, e para os seguintes ciclos tamén está dispoñible a experiencia Visítanos. En calquera caso, dende a asociación existe a mellor das disposicións para atender calquera petición para estes ou outros colectivos.

Comentarios