Carballo elimina mais de 46.932 quilos de residuos no punto limpo de Bértoa

Os residuos non perigosos duplicáronse con respecto ao 2016 e entre os considerados perigosos destacan os 22.420 quilos de televisións. Así, o punto limpo de Bértoa xestionaba o ano pasado un total de 46.932 quilos de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos. O incremento con respecto ao 2016 supera o 38%, unha suba máis que considerable que, coma sinalan desde o concello carballes, é unha mostra de que este tipo de produtos están cada vez máis presentes nas nosas vidas, pero tamén de que a poboación está cada vez máis sensibilizada nas cuestións medioambientais.
Bolsa de promoción da campaña de reciclaxe en Carballo O maior aumento rexistrouse nos aparellos eléctricos non perigosos, que pasaron de 4.700 a 10.560 quilos nun ano, o que supón máis do dobre. Segundo o Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente, no mundo xéranse 40 millóns de toneladas de lixo electrónico ao ano, e o volume deste tipo de chatarra medra cada cinco anos o triplo dos residuos orgánicos. Por iso, desde a Concellería de Obras e Servizos insístese na importancia de utilizar este servizo, que é gratuíto e que permite non só recoller, senón tamén xestionar axeitadamente os RAEE para que os seus compoñentes poidan ser debidamente tratados e/ou reutilizados. Ademais, a maior parte dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos son perigosos porque teñen compoñentes moi contaminantes. Entre os que chegan ao punto limpo destacan os televisores, que pasaron de 18.700 quilos no 2016 a 22.420 no 2017. En segundo lugar destacan as neveiras e conxeladores, que tamén se incrementaron desde os 10.260 quilos do ano 2016 ata os 13.780 do 2017. Cos fluorescentes, que tamén son perigosos, a tendencia é a contraria, probablemente debido á progresiva substitución deste tipo de luminarias por outras máis eficientes e menos contaminantes. Entre o 2016 e o 2017 a súa presenza no punto limpo reduciuse de 259 a 172 quilos. Carballo continúa ata o 19 deste mes coa campaña “O que se enchufa, recíclase”.