Venres. 26.04.2024
El tiempo

Carballo elimina mais de 46.932 quilos de residuos no punto limpo de Bértoa

Carballo elimina mais de 46.932 quilos de residuos no punto limpo de Bértoa
Os residuos non perigosos duplicáronse con respecto ao 2016 e entre os considerados perigosos destacan os 22.420 quilos de televisións. Así, o punto limpo de Bértoa xestionaba o ano pasado un total de 46.932 quilos de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos. O incremento con respecto ao 2016 supera o 38%, unha suba máis que considerable que, coma sinalan desde o concello carballes, é unha mostra de que este tipo de produtos están cada vez máis presentes nas nosas vidas, pero tamén de que a poboación está cada vez máis sensibilizada nas cuestións medioambientais. Bolsa de promoción da campaña de reciclaxe en Carballo O maior aumento rexistrouse nos aparellos eléctricos non perigosos, que pasaron de 4.700 a 10.560 quilos nun ano, o que supón máis do dobre. Segundo o Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente, no mundo xéranse 40 millóns de toneladas de lixo electrónico ao ano, e o volume deste tipo de chatarra medra cada cinco anos o triplo dos residuos orgánicos. Por iso, desde a Concellería de Obras e Servizos insístese na importancia de utilizar este servizo, que é gratuíto e que permite non só recoller, senón tamén xestionar axeitadamente os RAEE para que os seus compoñentes poidan ser debidamente tratados e/ou reutilizados. Ademais, a maior parte dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos son perigosos porque teñen compoñentes moi contaminantes. Entre os que chegan ao punto limpo destacan os televisores, que pasaron de 18.700 quilos no 2016 a 22.420 no 2017. En segundo lugar destacan as neveiras e conxeladores, que tamén se incrementaron desde os 10.260 quilos do ano 2016 ata os 13.780 do 2017. Cos fluorescentes, que tamén son perigosos, a tendencia é a contraria, probablemente debido á progresiva substitución deste tipo de luminarias por outras máis eficientes e menos contaminantes. Entre o 2016 e o 2017 a súa presenza no punto limpo reduciuse de 259 a 172 quilos. Carballo continúa ata o 19 deste mes coa campaña “O que se enchufa, recíclase”.

Comentarios