Carballo e Mazaricos lideran a presencia costeira no Xantar

Xusto Posse do Restaurante Albaroque, protagonista carballés no Xantar
Onte tocoulle a Carballo e hoxe venres é o día de Mazaricos

Arroupada pola área de turismo da Deputación da Coruña, os Concellos de Carballo e Mazaricos levan a súa gastronomía á Xantar Ourense, a única feira internacional de turismo gastronómico acreditada en España e Portugal.

Onte foi o día de Carballo. Ademais de amosar produtos locais como Chocolates Mariño, licores Borja Bello ou o marabilloso Pan de Carballo, o stand da Deputación acollía un showcooking a cargo de Xusto Posse do Restaurante Albaroque. “Bacallau ao pil pil con fabiñas de Carballo" foi o plato escollido que puideron disfrutar diferentes profesionais do sector.

Mazaricos colle o relevo

Os sabores de Mazaricos volverán darse a coñecer hoxe venres 5 en Ourense. Entre as 12 e as 14h terá lugar un show cooking no que se elaborará carne de vacún á brasa e o tradicional bolo do pote. No show cooking participarán, por unha banda, o cociñeiro José Manuel Carreira, do Asador Manduca (A Picota), que preparará chuletón e picaña de vaca á brasa. Despois será a quenda de Laura Prado, Angelita García e Esther Muíño, da Asociación de Amas de Casa de Mazaricos, que cociñarán o bolo do pote, sen dúbida un dos pratos máis salientables e recoñecidos da gastronomía de Mazaricos.

Novas relacionadas