Carballo saca peito da súa excelsa programación cultural continua
Prepara o Concello de Carballo un dos seus programas culturais máis potentes. Da man da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto promovido polo Goberno galego, chegará á vila bergantiñá 11 funcións escénicas ata finais de abril como parte da programación municipal Cultura con forza.
Entre as propostas máis destacadas sitúanse as coproducións do Centro Dramático Galego Territorio Regueifa, xunto a Ainé, e Memorias dun neno labrego, con Contraproducións, así como a pezas de danza Alén, Cicatriz e BenQuerer. Fran Sieira báilalle a Caamaño&Ameixeiras, as tres coproducidas pola Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego.
O novo programa municipal completo, que se estenderá ata maio, reúne máis de 25 propostas de teatro, música, cinema, danza, fotografía e exposicións, e inicia a súa actividade o 30 de xaneiro coa Mostra de Cine Euroárabe Amal en Ruta.
“Esta colaboración cos concellos permítenos achegar ás programacións municipais unha oferta estable e profesional, con presenza destacada da creación galega, como se ve tamén en Carballo”, salientou Jacobo Sutil.
Propostas galegas de teatro e danza
A programación escénica cofinanciada pola Xunta no Pazo da Cultura de Carballo ábrese coa estrea absoluta de Territorio Regueifa (6 de febreiro), coprodución de Ainé co Festival Internacional Outono de Teatro e o Centro Dramático Galego.
Ademais, no ciclo Venres Culturais e fóra da programación da Rede, incorpórase Memorias dun neno labrego (21 de febreiro), o espectáculo do Centro Dramático Galego e Contraproducións dirixido por Cándido Pazó a partir do emblemático libro de Xosé Neira Vilas co que se homenaxea o autor no 10º aniversario do seu pasamento.
Conforman a carteleira teatral a xira de despedida das táboas de Iribarne (28 de febreiro) de ButacaZero; Vitória (6 de marzo), de Iria Pinheiro; O proceso (13 de marzo), de Malasombra; A penúltima (20 de marzo), de Carlos Blanco, e O dragón de ouro (27 de marzo), de Sarabela Teatro. A oferta complétase con dúas propostas familiares: Voa, voa! (1 de marzo), de Talía Teatro, e Bulebule (29 de marzo), de Os Náufragos Teatro.
Tamén figuran propostas de artes de movemento agrupadas na mostra Primavera enDanza. Así, dentro da Rede poderán verse Cicatriz (17 de abril), de Kirenia Danza; Alén (24 de abril), de Colectivo Glovo; BenQuerer, Fran Sieira báilalle a Caamaño&Ameixeiras (26 de abril), de Fran Sieira Cía., e El verbo (30 de abril), do andaluz Daniel Doña. As tres primeiras pezas estás realizadas en coprodución co Centro Coreográfico Galego.
As entradas e bonos para os espectáculos póñense á venda en liña desde o vindeiro xoves 29 na web billeteira.carballo.gal.