O Centro de Sementes Forestais de Carballo, referencia no sector
Unha comitiva da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo alcalde Evencio Ferrero, visitou onte o Centro de Sementes Forestais de Galicia (SEMFOR), situado en Carballo, para poñer en valor a labor que realiza esta entidade na subministración de semente de calidade destinada á forestación de Galicia.
Destacaron que SEMFOR é unha entidade de referencia no sector, que subministra a súa produción cun prezo público aos viveiros forestais rexistrados, ademais de destinar pequenas cantidades de semente para proxectos de rexeneración, educación forestal, investigación e divulgación.
A comitiva da Consellería aproveitaron para anuciar as axudas para fomentar a creación de superficies arboradas en Galicia. Grazas a estas achegas, plantáronse xa máis de 21,3 millóns de árbores e está previsto que ao longo de 2025 se remate a plantación de máis de 2 millóns de exemplares adicionais coas axudas da convocatoria de 2024.
A conselleira destacou que a última convocatoria destas subvencións aprobáronse 152 expedientes para actuar en algo máis de 2.000 hectáreas cun investimento que supera os 5,23 millóns de euros, despois da súa ampliación orzamentaria. O 77% das solicitudes aprobadas corresponden a comunidades de montes veciñais en man común, mentres que o resto foron presentadas por particulares (14,5%) e agrupacións forestais (8%).
Tanto as axudas a forestación como a actividade de SEMFOR enmárcanse na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, "Cara a neutralidade carbónica" promovendo unha xestión sostible e equilibrada do monte galego.