Comezaron as obras de mellora da estrada Carballo-Razo
- Durante as obras habilitarase circulación alternativa por un dos carrís do vial, regulada con semáforos.
- Traballan na creación dunha senda peonil en Cances
A Deputación da Coruña iniciou as obras de mellora integral do firme da estrada provincial DP-1902, vía que conecta os núcleos de Carballo e Razo, cun investimento de 376.984,08 euros.
Os traballos afectan a un treito de 6,6 quilómetros, comprendido entre os puntos quilométricos 2+450 e 9+000. A intervención consistirá na limpeza de cunetas ao longo do trazado, co obxectivo de mellorar o drenaxe da estrada e evitar o deterioro prematuro. Así mesmo, realizarase o fresado e a reposición puntual do firme nas zonas onde se detectaron afundimentos ou degradacións.
Como parte fundamental da obra, procederase ao estendido dunha capa de mestura bituminosa quente (MBQ) cun espesor de 6 centímetros, que proporcionará unha superficie uniforme, segura e adaptada ao tránsito rodado, especialmente ao tráfico pesado. Tamén se executará o recrecido das tapas de rexistro para adaptalas á nova rasante e evitar desniveis que poidan afectar á condución.
A mellora completarase coa renovación da sinalización horizontal, que permitirá unha correcta delimitación dos carrís e incrementará a seguridade viaria, así como coa substitución ou reposición da barreira de seguridade nas marxes da estrada.+
Senda peonil en Cances
A Deputación da Coruña tamén está a executar, dentro do plan anual de mantemento e conservación da súa extensa rede viaria, obras de mellora da seguridade peonil en Cances da Vila. A actuación consiste no acondicionamento dun treito de 150 metros de cuneta transitable, dando resposta deste xeito a unha demanda veciñal. O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Servizos e Mobilidade, Miguel Vales e Juan Seoane, respectivamente, visitaron a obra.