O Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos lembra a necesidade de mellorar a estrada de acceso á praia

Que importantes son estes Consellos Parroquiais para que haia comunicación entre gobernantes e veciñ@s. Carballo, tras dous anos de pandemia, recuperaba estes exercicios prácticos e reais de participación cidadá. Así acontecía o pasado xoves no de Noicela-Rebordelos, en presenza de cae 40 veciñ@s da parroquia expresando as súas necesidades.

A prioridade segue a ser a mellora e ampliación da estrada provincial de acceso á praia da Pedra do Sal. Unha demanda vén de tempo atrás, pero que non foi posible materializala porque non se conseguiu a cesión da totalidade dos terreos afectados, como esixía a Deputación da Coruña. Tras o cambio de criterio do organismo provincial, que opta agora pola vía da expropiación, a solución podería estar máis próxima. O alcalde, Evencio Ferrero, informou á veciñanza de que nestes momentos está a elaborarse o proxecto de expropiación, que podería estar listo este mesmo verán para poder iniciar a tramitación e desbloquear esta vella aspiración da veciñanza e do propio Concello de Carballo.

A veciñanza tamén preguntou polo estado da tramitación do Plan Especial da Pedra do Sal. O alcalde explicou que o documento xa superou o período de exposición pública, durante o cal realizáronse 6 sesións informativas coa participación dunhas 120-130 persoas, e que nestes momentos o equipo redactor está elaborando o informe das alegacións presentadas.

A veciñanza tamén solicitou a mellora de varias pistas, a instalación de varios puntos de luz, e a mellora da seguridade así como a limpeza de varias vías. Tamén lembraron a necesidade da creación dun aparcadoiro nas inmediacións da igrexa.

Novas relacionadas