Denuncian que o Centro de Saúde de Carballo traballa con 5 enfermeir@s menos en plena pandemia

Imaxe dunha Concentración no Centro de Saúde de Carballo en 2019

Son eternos os problemas de recortes no Centro de Saúde carballés. Levan anos os seus sanitari@s saíndo á rúa para protestar, e desta volta é a CIG a que alerta de que o centro conta 5 enfermeiras/os menos, 4 na quenda de mañá e 1 na quenda de tarde, “ao non substituírse as ausencias dos e das profesionais titulares”.

”Unha situación que se dá en plena pandemia, estando o concello de Carballo no nivel máximo de alerta ao superar os 250 positivos por COVID por cada 100.000 habitantes, cunha sobrecarga de traballo habitual á que hai que engadir cada vez máis tarefas como a realización agora dos tests de antíxenos”, lamenta Xoán M. Sande Muñiz, Delegado Sección Sindical de CIG-Saúde.

O larachés considera que “esta situación non se pode permitir, que é absolutamente impresentábel e que xa está ben de que nos centros de saúde se teña que continuar asumindo cada vez máis traballo con menos persoal”. “Que pretende a Dirección desta Área Sanitaria?”, pregúntase. “Que traballos debe deixar de facer o persoal de enfermaría cando é imposíbel facelo todo?”.