Dúas fugas de gas en Carballo, unha provocada polo intento de roubo da tubería de cobre
Tiveron traballo esta tarde noite de domingo os Bombeiros do parque provincial de Carballo. Corrían as 19:38 h cando recibían un aviso por un forte cheiro a gas nun edificio da Avenida da Milagrosa, no Concello de Carballo. Os bombeiros chegaron ao lugar ás 19:50 h e fixeron medicións por todo o edificio, ata atopar nunha das vivendas unha estufa catalítica que estaba apagada pero co gas aberto.
Os bombeiros desconectaron a bombona de gas, ventilaron toda a vivenda e repetiron as medicións polo edificio, que deron negativas.
Antes de volver ao parque, os bombeiros informaron á propietaria da vivenda da necesidade de cambiar as gomas de conexión do gas da estufa, así como as da cociña e quentador, por atoparse caducadas. Completou o servizo Policía Local de Carballo.
Pouco despois, pasadas as 22:00h tiveron que acodir a eliminar uns ferros que quedaran enriba dun coche siniestrado, e que non podía ser retirado polo guindastre.
Xa de madrugada, ás 1:46, os Bombeiros foron alertados por unha nova fuga de gas nun edificio da Rúa carballesa Carlos Casares. Tras a inspección, comprobouse que a fuga se produciu por un intento de roubo da tubaxe de cobre situada no exterior do edificio. Observouse que se intentara serrar a canalización e, ao non conseguilo, aplicouse forza sobre o tubo, o que provocou a rotura e posterior fuga.
A situación foi controlada mediante o corte do subministro accedendo á chave principal do edificio. Unha vez interrompido o fluxo de gas, realizáronse medicIóns na rúa e nas alcantarillas da contorna para detectar posibles acumulacións, resultando todas as medicIóns negativas.