As empresas da automoción amosan o seu músculo en Berocasión
A feira do motor Berocasión volve a Carballo os días 29, 30 e 31 de agosto, coincidindo co feirón do quinto domingo de mes. As empresas locais de automoción ofreceron este luns, na presentación de Berocasión 2025, unha pequena mostra do enorme potencial do sector, que reunirá na zona do Rego da Balsa medio milleiro de vehículos de ocasión das principais marcas e concesionarios.
A feira dos vehículos de ocasión de Carballo, unha das citas de referencia do sector en Galicia, regresa con forza, ampliando os seus espazos expositivos para dar cabida a un maior número de automóbiles. Coa participación de 18 concesionarios e 500 vehículos, as persoas que se acheguen ata esta enorme exposición ao aire libre poderán explorar unha ampla gama de vehículos, desde modelos de km. 0 ata opcións híbridas e eléctricas, todos eles dispoñibles con significativos descontos e condicións especiais de financiamento.
Durante os tres días do evento, en horario continuo de mañá e tarde, os visitantes poderán descubrir as mellores marcas do mercado e unha variedade de opcións que inclúen vehículos seminovos, industriais, mixtos, nacionais e de importación.
Como antesala do evento, despois da presentación oficial e ata o mércores 27 poden verse na Praza do Concello un vehículo de cada concesionario participante, permitindo así que veciños e visitantes vaian entrando en ambiente e coñecendo parte da ampla oferta que se poderá ver na feira.