Berocasión 2025 medra e ofrecerá preto de 500 vehículos de ocasión en Carballo

A feira de vehículos de ocasión Berocasión 2025 regresa con forza a Carballo e faino ampliando os seus espazos expositivos para dar cabida a un maior número de automóbiles. Este ano, o público poderá atopar preto de 500 coches de ocasión das principais marcas e concesionarios, nun evento que se consolida como unha das citas de referencia do sector en Galicia.
A feira celebrarase os días 29, 30 e 31 de agosto no recinto do Rego da Balsa, nun espazo ao aire libre que permitirá gozar da visita con comodidade e seguridade.
Como antesala do evento, o luns 25 de agosto terá lugar a presentación oficial de Berocasión 2025 na Praza do Concello de Carballo. Ademais, desde ese mesmo día e ata o mércores 27, quedará exposto na praza un vehículo de cada concesionario participante, permitindo así que veciños e visitantes vaian entrando en ambiente e coñecendo parte da ampla oferta que se poderá ver na feira.
Nesta edición participan os seguintes concesionarios:
Vilas Rama, Miguelauto, Dimolk, Antamotor, Bercauto, Breogán Motor, Rebalcars Automóviles, Talleres Juan Lema, JGCar Automóviles, Centauto Mobility, Corgal Automóviles, PS Automoción, Garvi Automóviles, Balsacar, Famautos, Pensado Motor, Fervicar Automoción e Hyupersa.
Berocasión é unha cita organizada por Axober co apoio do Concello de Carballo e da Deputación da Coruña, que cada ano reúne miles de visitantes interesados en atopar as mellores oportunidades do mercado de ocasión.