Falece ao envorcar o seu tractor en Carballo
16 de xuño de 2026 (09:39 h.)
Unha persoa faleceu este luns en Carballo tras sufrir un accidente co tractor que manexaba. O 112 Galicia recibiu o aviso dun particular ao redor das 21.00 horas, que informaba de que había unha persoa atrapada tras sufrir un accidente de tractor nunha leira, na Redonda, en Sambade, no concello coruñés de Carballo.
De inmediato, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Carballo, da Garda Civil, da Policía Local e dos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.
Unha vez no lugar do suceso, os Bombeiros indicaron que ían proceder a liberar á persoa, que falecera.