Fran Gómez Pallas: “O Dakar axudoume a ver a vida dende unha perspectiva máis… bonita”

Fran Gómez Pallas celebrando o título coa bandeira de Galicia. Foto: @pombofotografo

Contábanos case aínda dende o poido este pasado domingo que todo o equipo estaban aínda “nunha nube, porque un título do Dakar non se gaña todos os días”. I é que para gañar un Dakar hai moito esforzo detrás.

Queremos afondar con Fran Gómez Pallas como é a preparación dunha proba tan esixente. Falamos con este carballés nado en Venezuela hai 55 anos, que se colle o mes de xaneiro (é autónomo facendo cabanas modulares para todo tipo de usos en Quechova) "para facer o que máis lle gusta", que nos conta como foi a súa 9ª participación, levando o nome de Carballo, da Costa da Morte e de Galicia, por toda África, e gañando o título da Mision 1000 co seu equipo formado con Miguel Puertas e Ester Merino.

  • Que queda daquel Fran que foi no ano 2000 na súa primeira participan ao de hoxe?

O que perdura son as gañas, que senón non estaríamos despois de 26 anos outra vez no Dakar, agora coa sorte de ter gañado a Mision 1000. Como dixen unha vez: “Parece que che morde algo en África e quedas infectado para sempre. É unha forma de vida. Encántache todo o entorno. Si que hai partes duras, o Dakar máis complicado é andar de despacho en despacho para conseguir os presupostos… iso desgasta moito. Pero gañas sempre houbo, así que o Fran de antes e o de agora, salvo a idade, é case o mesmo.

  • Por que foi cambio de moto de combustión a eléctrica? Que diferencias hai?

Eu son un namorado da combustión e sereino toda a vida. Pero que pasa? Despois de ter feito 7 Dakares en combustión (5 en África e dous en Sudamérica), quería algo que me motivara, e xa hai 4-5 anos pensaba nunha moto sostible, com emisión 0… aínda pensei proxectos unha moto con Hidróxeno, pero non era viable. Ao final encauzámolo todo coa moto eléctrica, levamos dous anos maquinando e preparando todo, e ao final conseguimos o presuposto, e fai 2 anos fomos poneiros, sendo o primeiro piloto español en ir a un Dakar en moto eléctrica. Foi unha pena porque comezamos moi ben, liderando varias etapas, pero se nos partiu a moto, esa imaxe típica que parte a moto e dou varias voltas por aquelas pedras… Pero bueno, a diferencia quizais foi o peso: aquela pesaba 215kg, esta 150, máis equiparable a un peso das habituais, e aínda que a batería é algo incómoda porque sobresae e hai que adaptarse á combustión. Pero ten máis potencia esta que unha de combustión, e ten unha potencia inmediata… ti abres e isto tira con moita potencia. Si que ten varios hándicaps, como se se quenta a batería si que se baixa o rendemento, cousas que podemos ir mellorando, e xa estamos pensando en para o próximo ano, que creo que poderemos ir, meterlle un radioador de auga. Xa estamos pensando en varias melloras.

Equipo de Fran Pallas no Rally Dakar-Foto-@pombofotografo
  • Como foi a preparación do Dakar, tanto fisicamente como mentalmente?

O máis complicado quizais sexa mentalmente buscar reunións con sponsors, busca contactos… e aguantar… porque moitas veces diche o típico de “pensarémolo” e non te dan chamado… Esa é a parte máis dura, e aí é onde moita xente se ben abaixo porque a verdade é desesperante. Moitas veces estás atado e non podes avanzar porque non hai cartos. Eso para min é o máis difícil.
Fisicamente si, tes que levar unha rutina de facer deporte. Moto non se pode todos os días porque hai que traballar, si as fins de semana 2 días; e pola semana 3-4 días ou todos, ximnasio, natación, exercicios aeróbicos, bici… para manterse en forma, porque o Dakar é moi longo, moitas horas, e se non vas pasalo mal.

  • E economicamente? Canto hai que investir para unha aventura coma esta? Hai retorno?

Pois imos poñer un exemplo de combustión, que as eléctricas teñen algunhas características específicas, un piloto para correr un Dakar sen asistencia, só, que sería a categoría Original, onde ti te tes que facer autosuficiente para todo, para arreglar a moto e todo… Aí podes andar entre a moto, inscricións, as viaxes… en torno a 60-70.000€. Logo se queres ir correr o Dakar con asistencia, que tes que alugala, súmalle uns 20.000… Saen uns 85-90.000€ parar correr un Dakar.

E aí teñen que estar os sponsor, pero vaia eu creo que retorno debe haber. Levo 9 Dakares e teño sponsors dende o principio, Indupanel, Garaysa… hai patrocinadores que repiten sempre, e iso é que están contentos. Eu sei, por exemplo, que a Indupanel xa lles preguntan iso de “que, este ano ides ir ao Dakar”, ou sexa que identifican a empresa co Rally. E iso para nós é moi bonito e é o que nos fai manter isto vivo.

  • Cóntanos, cóntanos aí todos os patrocinadores que fan posible esta aventura entón!

Podedes ver na web do Dakar todos os que me axudan: Indupanel, Turismo de Galicia, Arctic Leopard, Lantania, ACIVRO, Deporte Galego, Quechova, Deputación de A Coruña, Formas Inoxman.

 

  • Aparte da anécdota con Carlos Saínz, a imaxen de como se che rompeu a moto en dúas, ou acabar un Dakar cun nocello roto, que historietas curiosas podes contar deste ou doutros anos?

Anécdotas hai miles… Podo contar unha en África, en 2003, que íamos con moi pouquiño presuposto, dúas rodas só de reposto, 4 chaves de nada… ía moi xusto, demasiado… Pero eu tiña alí un amigo, Pepe Palomares, que estivera comigo no primeiro Dakar, que era o noso mecánico, e el ía cun equipo semioficial, e me viña visitar todas as noites ao campamento onde estabamos os privados, e ao terceiro día que estabamos por aí, comentei que estaba sen rodas e que a ver se podía conseguir algunha. E me dixo, espera. E volveu con dúas rodas, usadas polos pilotos oficiais que as cambian todos os días, e entón estaban novas. Pero o caso é que alí había un avión, onde os privados podíamos meter as ferramentas e un par de rodas… Entón co paso dos días eu ía escondendo polo avión a caixa de ferramentas e as rodas que me ía traendo o meu amigo Pepe. Ata que un día me colleron. Veu o responsable do avión, un señor maior cun turbante, en francés, e me dixo que me cachara todos os escondites. “Non se pode, só se poden levar dúas rodas, non pode ser…” e fíxome baixar case todas as rodas… Entón… esa mesma noite volveu Pepe Palomares con máis rodas. Xa lle dixen que non me trouxera máis rodas, claro. E vai o tío e me di, non te preocupes, marchou, volveu, cunha bolsa: “dalle isto ao franchute”, unha botella de viño e un pouco de xamón de jabugo… Así que alí me fun a tenda do tío, ás 4:00h, metinlle a botella e o xamón co meu dorsal, e marchei… E ao final de etapa, cando cheguei ao campamento, o tío estabame esperando cos brazos abertos, deume auga, axudoume… e subiume ao avión e me dixo: o avión, todo per tuá” e me deixou meter todas as rodas que quixese…jajaja”.

Fran Pallas no Dakar 2026

E xa falando deste ano, unha anécdota curta, nunha etapa dura, con moitas dunas, había unha corrección que se fixo no briefing anterior que nos variaba o rumbo. Curiosamente atopámonos cuns chinos e un arxentino que estaban dando voltas buscando ese point. Entón nós, sobre todo Miguel Puertas que é o que navega ben, nos dixo, “esperade, esperade, imos facer que estamos perdidos a ver que fan estes”. E efectivamente, paramos e os tipos marcharon polo sitio equivocado, e cando non nos viron fumos na dirección correcta e gañamos a etapa. Son estratexias de carreira.

Fran Pallas co título de campión da Mision 1000 do Dakar 2026
  • Despois de tantos anos participando, de quen te acordas? Quen ou que che marcou?

Quizais o que máis me marcou é a diferencia de cultura. Ver a vida dende outra perspetiva distinta, non darlle tanta importancia ás cousas menos importantes. Por exemplo en África non andan mirando se tes reloxos de ouro nin cousas materiais. Eu valoro máis agora as cousas máis simples, unha paerta, un sorriso, unha charla… pero no mundo occidental é todo moto máis materialista, que se un cochazo, un reloxo… demasiado materialismo… Eu penso que che ensina a buscar unha mellor versión de ti, a ser máis humilde, máis agradecido da vida. Ao fin e ao cabo, estamos aquí de paso, e o que hai que facer é disfrutar e ser amable coa xente.

Creo que si aprendín a ver a vida dende unha perspectiva máis… bonita.

  • E para o ano? toca volver?

Agora, a verdade é que estamos nunha boa posición para negociar cos sponsors, porque sempre se gañas é máis fácil convencelos. Vou deixar pasar un mes para desconectar totalmente desta carreira… porque é case un ano enteiro traballando do proxecto e agora quero disfrutalo polo menos un mes. E case seguro que si, que volveremos os. 3pilotos, cun proxecto máis evolucionado, e mesmo coa posibilidade de meter unha moto eléctrica no Rally gordo, no de todos os kilómetros, pero iso estamos valorándoo. O ideal é ir a máis, non facer sempre o mesmo.

Pallas no 2023