O Galidoc volve ao Casino

Unha sesión do Galidoc no Casino 1889 de Carballo de xaneiro

Vai voltando a actividade á Axenda Costa da Morte. Onte coñecíamos o novo programa de Cultura con Forza de Carballo, e hoxe, dende o Casino1889 da capital bergantiñá contan, con ledicia, a reanudación das proxeccións do GALIDOC, paralizado dende o pasado novembro.

As proxeccións realizaranse os días 6 e 13 de marzo, ambos sábado, ás 19h. Debido ás limitacións de horario e a que o proceso de entrada e adxudicación de lugar pode ser un pouco demorado, pregamos máxima puntualidade ás persoas asistentes. Entrada gratis ata completar aforo, que, debido ás restricións, será só do 30%.

O Sábado 6 de marzo a protagonista será Sabela Souto (A Pousa-Monterrei (Verín,1998). Primeiro verase proxectarase “Santa Baia de Montes”, que versa sobre unha aldea do concello de Cualedro, na provincia de Ourense, un dos concellos máis afectados polos incendios. Tamén se proxectará “A Manola das Cañas”, unha muller da aldea que fai as mellores cañas fritidas da comarca de Monterrei.

Para o sábado 13 de Marzo, a protagonista será Sol Mussa (Vigo, 1996), que trae “Ratatouille”, curta etnográfica gravada no interior da cociña dun restaurante en Londres. Ademais, Sol Mussa fixo tamén, xunto con Noa Rodríguez (Santiago de Compostela, 1996) “Work in progress” (curta realizada como resposta á proposta do Galidoc 2021), sobre o proceso de gravar un documental de Londres en pleno confinamento.

Novas relacionadas