O grupo socialista acusa á Xunta de "tomarlle o pelo" a Carballo por levar 17 anos adiando a circunvalación de Bértoa

A parlamentaria socialista Patricia Iglesias acusou onte ao goberno galego de “tomarlle o pelo” a Carballo nos últimos “17 anos de promesas incumpridas” nos que paralizou a circunvalación do polígono de Bértoa á zona sur de Chorís. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na que lle afeou á conselleira de Infraestruturas que “o único que fixeron foi aprobar a declaración ambiental logo dunha inacción vergoñenta”.

Resumiu que “a día de hoxe, nada de licitación, nada de execución, só atrasos, escusas e propaganda” mentres seguen “sen proxecto construtivo e sen partidas claras nos orzamentos” dunha actuación “imprescindible para garantir a seguridade viaria nunha zona escolar e impulsar o desenvolvemento económico dun polígono estratéxico”.

Advertiu que os cidadáns de Carballo e a comarca de Bergantiños están “cansos de ser tratados como cidadáns de segunda e fartos do abandono da Xunta de Galicia”. Lembrou a lista de agravios do goberno galego encabezada pola autovía da Costa da Morte “a medio facer” ou a “peaxe inxusta” de Carballo á Coruña que seguen sen eliminar nin aplicar bonificacións como as da AP9 ou da AP53 Santiago - Dozón. Acusou ao goberno galego de ter tomado a “decisión política de deixar Carballo fóra das prioridades da Xunta, sinaladamente coa circunvalación que reclamou a comunidade de propietarios do Polígono e foi comprometida polo goberno de Touriño, pero que o goberno do PP de Feijóo e Rueda paralizou.

Lembrou que esta actuación foi presentada en catro ocasións na Comisión de Industria do Parlamento, pero “o resultado foi que o deputado carballés do PP votou en contra e o director da Axencia Galega de Infraestruturas seguiu repetindo escusa tras escusa, mentres os veciños e as empresas seguen agardando”.