A Circunvalación de Carballo volve enredar no Parlamento
Pasan os meses, pasan os anos, e seguen sen comezar as obras da Circunvalación de Carballo. As últimas novidades, as do pasado mes de outubro cun par de lixeiros avances, pero a infraestrutura non estivo lista en 2022 como prometera a Xunta en 2019 nin parece que estará para 2025, como prometeu o pasado ano.
Onte, a parlamentaria socialista Patricia Iglesias levaba unha moción ao Pleno do Parlamento para pedirlle á Xunta que inicie a licitación da circunvalación de Carballo no próximo ano 2025. Iglesias urxiu ao goberno galego a desbloquear este proxecto, que leva enriba da mesa dende 2005, cando fora incorporado ao Plan Director de Autoestradas polo presidente socialista Pérez Touriño, pero que o PP nunca cumpriu dende o goberno galego, e mesmo o fixo desaparecer dos Orzamentos dende o ano 2011 ata 2020.
O PP votou en contra da moción e foi o tamén carballés Rubén Lorenzo o que a calificou de "utópica" e imposible de executar", pediu “lealdade instituciona” para poder levar a cabo o proxecto. Asegurou que a Xunta “mantén o seu compromiso de impulsar e axilizar a variante de Carballo, o que significa tamén un apoio para o polígono industrial”, e lembrou que os orzamentos da Xunta para 2025 recollen unha partida orzamentaria de medio millón de euros específica para o desenvolvemento da variante de Carballo, así como a previsión plurianual necesaria para a súa materialización. “Esta previsión faise sempre tendo en conta os prazos de traballo e as diferentes fases do proxecto, e non a demagoxia do PSdeG e do BNG”, dixo.
Explicou que “neste momento, o proxecto de trazado da variante de Carballo está sendo sometido á consulta ambiental necesaria, sobre a que se presentaron cinco alegacións. Unha vez rematado este trámite, aprobarase o proxecto de trazado e iniciarase o procedemento expropiatorio coa información pública, xa coas prescricións da avaliación ambiental incorporadas.