Os libros en galego volven saír gañadores doutra exitosa Praza dos Libros

Durante a pasada fin de semana de 6 a 9 de xullo, os libros foron os grandes protagonistas da axenda carballesa. A Praza dos Libros de Carballo, a PLIC, volvía demostrar o bo estado de saúde do papel (para literatura) cun ambiente continuo de cultura sana que trata de animar á lectura e fomentar a literatura galega.

E tras uns días, os libreiros e libreiras da vila veñen de facer valoración das vendas, sacando como principal conclusión que a literatura galega saíu reforzada da Praza dos Libros, na que acaparou o 60% das vendas. Libros locais como “Monte Neme, o olimpo bergantiñán”, do Instituto de Estudos Bergantiñáns, e “As malas mulleres”, de Marilar Aleixandre, foron algúns dos títulos máis demandados. 
Escola de mulleres, Querida Paula e A urna das cartas foron outros títulos galegos ben acollidos polo público. As vendas en castelán destacaron pola variedade de títulos, sobre todo de novela e de literatura infantil e xuvenil. 

As cifras foron boísimas, marcando un novo récord de vendas ao superar os 1.300 exemplares .

Actividades

Ao éxito de vendas súmase o de asistencia ás actividades programadas, tanto literarias coma musicais, que encheron os catro días da plic!, un aspecto que destacou tamén a concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, ademais de aludir expresamente á presentación en sociedade da Escola de Regueifa de Carballo, promovida desde o Servizo de Normalización Lingüística, cunha excelente acollida por parte do público. E todo en perfecta harmonía co mercado do xoves e a feira do domingo, que unha vez máis volveron a integrarse entre as casetas dos libreiros, as mesas dispostas para as sinaturas dos autores e os obradoiros infantís, que tamén os houbo.

Ao longo dos catro días realizáronse unha trintena de actividades, incluído o pregón de María Lado. O xoves e o domingo, precisamente coincidindo coas feiras, foron os días de maior afluencia, como demostra o feito de que tanto as latas de atún Calvo do primeiro día coma os moletes de pan do último se esgotaran en case todas as casetas. As tarxetas-rasca con premios directos tamén tiveron moi boa acollida.