Máis de 120 maiores comezan os cursos para usar mellor os teléfonos móbiles

Volven os cursos para axudar ás persoas maiores a mellorar o uso dos teléfonos móbiles. Este martes arrincaron o 11º do ano, nesta ocasión no mercado municipal. 120 persoas, en grupos reducidos, acoden a estes obradoiros de 8 horas repartidas en catro sesións de dúas horas cada unha (martes e mércores, de 16.00 a 18.00 horas).

O Concello de Carballo volve a contar coa Cruz Vermella para achegar ás persoas participantes os coñecementos básicos sobre o funcionamento dos dispositivos e as aplicacións que lles poden resultar de máis utilidade no seu día a día, como enviar unha fotografía a un familiar ou pedir unha cita para o médico sen necesidade de chamar ou achegarse ata o centro de saúde.

Neste 2023 levan celebrado xa dez cursos, cunha participación total de máis de 120 persoas. Os obradoiros leváronse a cabo nos centros sociais de Aldemunde, Rus,
Vilela e A Brea. Na zona urbana houbo cinco, un na Escola de Arrabaldes e catro no mercado municipal, no que xa está en marcha o quinto do ano.

INSCRICIÓN

As persoas interesadas poden anotarse a través das asociacións de cada parroquia e/ou dos consellos parroquiais, na Biblioteca Rego da Balsa ou enviando un correo electrónico a
comunicacion@carballo.gal.