En marcha a creación dun mapa sociolingüístico escolar municipal de Carballo
A Real Academia Galega e o Concello de Carballo asinaron onte o convenio de colaboración para a realización do mapa sociolingüístico escolar do municipio. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e o alcalde carballés, Daniel Pérez López, rubricaron o documento que formaliza a cooperación entre ambas as institucións para que o concello bergantiñán conte cun retrato preciso da situación do idioma entre a poboación máis nova co obxectivo de avanzar nas acción de normalización do galego.
No acto, celebrado na sede do Concello de Carballo, tamén participaron María López-Sández, coordinadora do Seminario de Sociolingüística da RAG; e o concelleiro Ramón Varela Rodríguez en calidade de presidente de Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, coa que a Academia asinou o pasado mes de outubro un acordo para impulsar accións a prol do idioma poñendo o foco na infancia. O propósito de dito acordo é precisamente a realización de mapas sociolingüísticos escolares locais como o que se levará a cabo en Carballo.
“Alédanos especialmente poder pechar este acordo de cooperación co concello que é cabeceira da comarca de Bergantiños, referente no mantemento do galego e exemplo para todo o país”, salienta Henrique Monteagudo. “Os bos datos globais do comportamento lingüístico na comarca, cun uso habitual da nosa lingua por riba do 80 % da poboación, non debe levarnos ao conformismo, senón servir de pulo para explorar novas vías de consolidación do idioma entre a xente máis nova, nun contexto moi cambiante determinado por factores que van desde o reto de apoiar a aprendizaxe da nosa lingua entre os novos galegos e galegas procedentes de países moi diversos, e con diferentes linguas maternas, ata o desafío do consumo masivo de contidos nas redes sociais noutros idiomas”, apunta Henrique Monteagudo.
O mapa sociolingüístico escolar de Carballo concíbese como unha ferramenta para afondar na identificación dos factores, axentes e contextos de socialización que aceleran ou frean o proceso de substitución do galego polo castelán, detalla a académica María López-Sández. Metodoloxicamente o proxecto nutrirase das enquisas que responderán os distintos axentes da comunidade educativa: alumnado, profesorado e familias.
Alén de achegar os instrumentos e protocolos de recolla de datos cuantitativos e cualitativos, o Seminario de Sociolingüística prestaralles apoio e asesoramento aos centros de ensino co fin de favorecer a participación activa de toda a comunidade educativa. Pola súa banda, o Concello de Carballo asumirá a xestión dos permisos e autorizacións necesarias, e a coordinación da recolla de datos. Unha vez completado este proceso, A RAG analizará a información e redactará o informe final cos resultados do estudo.