A Asoc. Alingua profesionalízase dende Carballo
A asociación de entidades locais pola lingua galega, Alingua, celebrou a súa Asemblea Ordinaria en Carballo na que se definiron as liñas estratéxicas que marcarán o rumbo da entidade durante o presente exercicio. A entidade está formada por 21 concellos que contan con Servizos de Normalización Lingüística (SNL) no seu organigrama, e entre os que destaca o de Carballo, que exerce a presidencia, e os de Ponteceso e Santa Comba.
Entre os acordos máis destacados, ademais da incorporación do Concello de Arzúa, atópanse a posta en marcha dunha estrutura técnica de xerencia e un ambicioso plan de renovación para o programa de socialización lingüística na infancia, Apego, o programa para as crianzas máis comprometido do país que celebra o seu 10º aniversario.
O paso máis significativo cara ao reforzo estrutural da entidade é a implantación dunha xerencia externa, deseñada para dotar a Alingua dunha arquitectura técnica estable que garanta unha coordinación eficiente dos programas e actuacións que corresponden aos fins da entidade.
Esta nova figura asumirá a xestión administrativa, económica e legal, reforzando ao mesmo tempo a imaxe de marca da asociación e das súas entidades asociadas.
Ademais, o programa Apego, centrará boa parte do esforzo operativo en 2026. Alingua asumiu recentemente a xestión directa deste programa e, de cara a esta anualidade, ten previsto, ademais de crear unha nova páxina web, realizar unha renovación e reimpresión dos materiais de benvida ás familias. Así mesmo, levarase a cabo unha campaña de relanzamento do programa para dar visibilidade a este décimo aniversario e fortalecer o seu impacto social.
Novos proxectos
Alingua fortalecerá a súa colaboración con outras institucións. No primeiro semestre de 2026, organizarase un encontro entre empresas e familias en colaboración co Consello da Cultura Galega (CCG), co obxectivo de conectar a demanda social coa oferta de produtos culturais e educativos en galego.
Así mesmo, a asociación continuará co proxecto "Modo galego, actívao!" en colaboración coa Real Academia Galega (RAG), facilitando que os concellos interesados realicen os seus mapas sociolingüísticos escolares. No ámbito dixital, incorporarase o proxecto "Cancións para medrar", que ofrece recursos musicais con pictogramas para fomentar a diversidade e a inclusión.
Con este Plan de Acción, Alingua non só busca manter o traballo realizado en proxectos consolidados como o Club de Debate, Enreguéifate ou Youtubeiras+, senón tamén sentar as bases organizativas para o período estratéxico 2027-2030.


