En marcha a promoción de 73 vivendas de promoción pública en Carballo

Pouco se fai nos Concellos da Costa da Morte ante a problemática social da vivenda, a pesar de sufrirmos tamén a subida do alugueiro. Neste caso, o Concello de Carballo vén de dar un paso adiante, e vén de asinar un convenio coa Xunta para a cesión gratuíta dunha parcela para a construción dun edificio de promoción pública para 73 vivendas en Carballo. A que será a urbanización de vivenda pública máis grande da comarca.

Evencio Ferrero asinou o convenio coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, para a cesión da parcela situada na rúa Médico José Manuel Lado 18-20, conta cunha superficie de 1.998 metros cadrados.

Onte mesmo publicouse no perfil do contratante a licitación da redacción do proxecto e dirección de obra do inmoble, por un importe de 549.708,69€. O investimento total estimado que fará a Xunta de Galicia nesta actuación é de 14 M€. A Xunta abordará a construción destes novos fogares a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia.