Moita ciencia para a Semana do Medio Ambiente de Carballo

Miguel Vales, Daniel Pérez e Iván Andrade na presentación da semana da ciencia de Carballo

Do 1 ao 5 de xuño, Carballo celebra a Semana do Medio Ambiente. E este ano, focalizarase na divulgación científica, a sensibilización ecolóxica e a participación cidadá.  As actividades están vinculadas ao Proxecto TALK0 (Talento quilómetro cero), enmarcado no programa europeo MSCA and Citizens e financiado pola Unión Europea, que busca potenciar a transferencia de coñecemento e o talento científico a nivel local.

Por idades

O bloque dirixido ao público mozo (a partir de 12 anos) e adulto centrarase en tres obradoiros prácticos e teóricos impartidos polo Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-BIOpast) da Universidade da Coruña (UDC). Estas sesións terán lugar ás 17.00 horas nas Escolas do Xardín Agra de Caldas:

  • Luns, 1 de xuño: Reconstrucións Climáticas, unha sesión para comprender os métodos de estudo do clima do pasado.
  • Mércores, 3 de xuño: Paleontoloxía 3D, centrada na dixitalización 3D de mostras paleontolóxicas.
  • Venres, 5 de xuño: Que nos contan os fósiles?, onde as persoas participantes poderán elaborar moldes e réplicas de fósiles.

Para persoas adultas (a partir de 18 anos) tamén se levará a cabo unha ruta guiada por Aldemunde, última actividade do programa MercaEscola (adiada por mor da alerta por tormenta deste luns pasado), pero que, dado o gran interese que espertou, ábrese á participación doutras persoas.
Aínda haberá outra saída máis. O xoves, 4 de xuño, ás 17.00 horas (cunha duración aproximada de 3 horas), o Grupo Naturalista Hábitat guiará unha sesión divulgativa e saída de campo centrada nas Herbas de San Xoán, pensada para a participación de persoas adultas pero tamén de nenos e nenas a partir de 10 anos.

O venres, 5 de xuño, coincidindo co Día do Medio Ambiente, a Praza do Concello acollerá a partir das 17.00 horas un circuíto lúdico-científico deseñado para nenos e nenas de 4 a 10 anos.

Inscricións

Todas as propostas requiren inscrición previa a través da páxina web carballo.gal.

Máis novas