Nomes de altura para encher de ciencia os bares de Carballo
Xa hai programa para o Pint of Science 2026, esa iniciativa carballesa que leva a ciencia aos bares. Xa temos (gracias á colaboración dos Iván Andrade Tasende, Verónica Bolón Canedo, Cristina Abelleira Martínez, Daniel Barreiro Quintáns e Jorge Cebey García). os recoñecidos nomes que demostran que estamos nunha comarca con alto nivel en materia de investigación, e que os días 18, 19 e 20 de maio, volverá converter as tabernas en centros de debate.
O luns 18, o Bar Marabú acollerá a charla de David Castro Reigía. Investigador en AOTECH e Premio extraordinario de fin de máster (UBU). Especialista en quimiometría, aplica a luz (espectroscopía NIR) para analizar alimentos sen tocalos. Na súa charla "O que a luz conta do que non vemos", explicará como a espectroscopía permite saber de que está feito un alimento sen probalo, analizando a "pegada luminosa" do que bebemos e comemos.
De seguido, toca Désirée Domínguez Pallas, directora do Arquivo Histórico da USC, hoxe unha das pioneiras no debate sobre como a
Intelixencia Artificial transformará a nosa memoria documental. Baixo o título "Arquivos e arquiveir@s: que pintan na era da IA?", reflexionará sobre como os arquivos (con documentos desde o século IX) se adaptan á administración algorítmica e ás oportunidades da Intelixencia Artificial.
A xornada do martes 19 será no Cafetaría do Pazo da Cultura, e comezará con Alejandro Ávila Álvarez. Doutor Cum Laude e pediatra no CHUAC, conta cunha traxectoria internacional (Boston, Melbourne), como un dos grandes investigadores galegos en neonatoloxía e complicacións na prematuridade. Falará sobre os retos para predecir a displasia broncopulmonar e a busca de respostas no ADN mitocondrial ou as proteínas do sangue.
Collerá o relevo Alba Vilariño Porteiro, biotecnóloga e investigadora en CETIM. "Unha mina no teu peto" descubriranos que os nosos residuos electrónicos son auténticas "minas urbanas" e como as bacterias poden axudarnos a recuperar metais clave para a transición enerxética.
Xa o mércores 20, o Bar Mercado recibe a Olalla Rama García. Enxeñeira experta en ciberseguridade con acreditacións internacionais (CISM, CEH). Consultora en contornas críticas e defensora da sensibilización tecnolóxica dende a infancia. Coa charla "Clics e claves:
sobrevivindo ao día a día dixital" ofrecerá consellos prácticos sobre phishing e contrasinais para protexer a nosa información de forma sinxela e efectiva.
Tamén estar´á esa xornada Isabel García García, Doutora en Desenvolvemento Psicolóxico e Logopeda. Unha voz autorizada na investigación do Trastorno do Espectro Autista (TEA) e a inclusión educativa. En "Non é só autismo", proporá unha mirada ampla sobre
o TEA, abordando como a ciencia axuda ás familias a convivir coa incerteza e a comprender mellor esta realidade desde a infancia.