Nova fornada de Consellos Parroquiais para fomentar a participación cidadá na vida política

Imaxe do Consello Parroquial de Oza de outubro 2019

Os consellos parroquiais con unha canle fundamental da participación veciñal na xestión municipal. Tralo parón estival, recobran vida, e o Concello vén de anunciar o calendario de sesións que se celebrarán os martes e os xoves ás 20.00 horas. O calendario provisional para o mes de setembro é o seguinte:  

  • Día 6, Oza 
  • Día 8, Sofán 
  • Día 13, Aldemunde 
  • Día 15, Razo 
  • Día 27, Cances 
  • Día 29, Artes 

Nestes momentos están constituídos 16 consellos parroquiais, nos que a veciñanza participa de xeito directo, xa que as reunións son abertas, e indirecto, posto que antes da reunión cos representantes municipais é habitual que a veciñanza celebre xuntanzas veciñais para recoller as propostas que despois serán trasladadas ao Concello de Carballo. 


Nos consellos parroquiais participan o alcalde, Evencio Ferrero, e representantes de todos os grupos políticos municipais. Por parte da veciñanza hai participación do movemento asociativo, aínda que as portas están abertas a aquelas persoas que queiran sumarse a título individual. O obxectivo destes órganos de participación veciñal é recoller as propostas da cidadanía para telas en conta á hora de decidir sobre o investimento dos fondos públicos.