Nova fornada de Consellos Parroquiais para fomentar a participación cidadá na vida política
Os consellos parroquiais con unha canle fundamental da participación veciñal na xestión municipal. Tralo parón estival, recobran vida, e o Concello vén de anunciar o calendario de sesións que se celebrarán os martes e os xoves ás 20.00 horas. O calendario provisional para o mes de setembro é o seguinte:
- Día 6, Oza
- Día 8, Sofán
- Día 13, Aldemunde
- Día 15, Razo
- Día 27, Cances
- Día 29, Artes
Nestes momentos están constituídos 16 consellos parroquiais, nos que a veciñanza participa de xeito directo, xa que as reunións son abertas, e indirecto, posto que antes da reunión cos representantes municipais é habitual que a veciñanza celebre xuntanzas veciñais para recoller as propostas que despois serán trasladadas ao Concello de Carballo.
Nos consellos parroquiais participan o alcalde, Evencio Ferrero, e representantes de todos os grupos políticos municipais. Por parte da veciñanza hai participación do movemento asociativo, aínda que as portas están abertas a aquelas persoas que queiran sumarse a título individual. O obxectivo destes órganos de participación veciñal é recoller as propostas da cidadanía para telas en conta á hora de decidir sobre o investimento dos fondos públicos.