As obras de saneamento impulsadas no 2015 polo concello estenderon o servizo a máis de 400 habitantes
O servizo de saneamento chega xa no municipio de Carballo a un 90 % da poboación, o que evita que dependan de pozos negros ou custosos sistemas alternativos. Coas obras de saneamento impulsadas ao longo deste ano polo concello de Carballo permitirán mellorar o servizo e estendelo a máis de 400 habitantes de dez lugares das parroquias de Cances, Berdillo, Sofán, Bértoa, Rus e Oza. As actuacións non só consisten na ampliación da rede de sumidoiros, senón que nalgúns casos contribúen á eliminación de puntos de vertido e fosas anticuadas mediante a instalación de bombeos que conducirán as augas residuais a unha estación depuradora, na que recibirán o tratamento axeitado.
Ao longo deste ano resolveuse a xestión das augas residuais en Cances da Vila e nos lugares de As Pozas, A Costa, O Cadaboso e O Esmorís, na parroquia de Berdillo. O bombeo do Zarrallo (Sofán) e a rede de O Rodo (Oza) xa están tamén operativos, e nestes momentos están en execución outros tres proxectos en Outeiros (Rus) e O Añón e Portolago (Bértoa), onde as obras están moi avanzadas e quedarán listas este mesmo ano. O investimento total do concello de Carballo en saneamentos ao longo do 2015 supera os 700.000 euros.
O servizo de saneamento é de recepción obrigatoria para as vivendas situadas a menos de 50 metros da rede; así é como o establece o regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia.
Fonte