Un Paso Máis inicia o circuíto de deporte adaptado no CEIP de Nétoma - Razo
A Agrupación Deportiva Un Paso Máis deu comezo onte ao circuíto de deporte adaptado do presente curso escolar cunha xornada especial no CEIP de Nétoma - Razo. Voluntarios da asociación, en colaboración co persoal docente do centro, achegáronse ás instalacións escolares para compartir unha mañá de aprendizaxe, inclusión e diversión a través da práctica deportiva.
Durante a sesión, preto dun centenar de nenos e nenas participaron activamente en diferentes probas adaptadas, deseñadas para achegar a realidade do deporte inclusivo ao alumnado. Baloncesto en cadeira de rodas, goalball, blindfútbol, voleibol sentado ou mesmo u circuíto con restrición visual foron algunhas das disciplinas que permitiron que os rapaces e rapazas experimentasen de primeira man os retos e as oportunidades que ofrece o deporte adaptado, fomentando valores como a empatía, a cooperación, o respecto e a igualdade.
O entusiasmo dos estudantes foi palpable en cada proba, demostrando que o xogo e a aprendizaxe poden ir da man cando se trata de construír unha sociedade máis inclusiva. O profesorado destacou a importancia destas iniciativas para sensibilizar ao alumnado e promover unha educación integral que contemple a diversidade como un valor engadido.
Desde a Agrupación Deportiva Un Paso Máis sublíñase que este tipo de actividades teñen como obxectivo achegar o deporte adaptado á comunidade escolar, derrubar barreiras e abrir espazos de participación para todas as persoas, independentemente das súas capacidades.
A xornada no CEIP de Nétoma - Razo marca o inicio dun programa que se desenvolverá ao longo do curso en diferentes centros educativos, consolidando o compromiso da asociación coa inclusión e o deporte como ferramenta de transformación social.
A seguinte parada do circuíto será o mércores 26 de novembro no CEIP Bergantiños de Carballo, onde se continuará a promover o deporte adaptado entre o alumnado da comarca.