Un Paso Máis segue xerando calma nas familias de Bergantiños
A Agrupación Deportiva Un Paso Máis fai un balance moi positivo e cheo de boas sensacións da segunda parada do programa de obradoiros de familias, que concluíu este sábado no Casino de Carballo
A terapeuta ocupacional Lucía Pérez Fernández, de Neuroimpulse (Arteixo) e IG Especialidades (Carballo), guiou unha xornada enriquecedora na que participaron 12 familias. O encontro desenvolveuse nun clima de gran confort emocional, favorecendo a confianza e a apertura, elementos clave para que cada participante puidese expresar vivencias e aprender novas ferramentas de uso cotián.
Durante o obradoiro abordáronse conceptos xerais sobre rutinas de nutrición e apoios á alimentación, sempre desde unha perspectiva práctica e accesible. A metodoloxía empregada buscou reforzar a seguridade das familias, ofrecendo recursos que lles permitan afrontar o día a día con máis serenidade e autonomía.
A sesión completouse cunha pausa para o café, un espazo informal que serviu para seguir compartindo experiencias e fortalecer vínculos. Mentres tanto, os nenos e nenas gozaron dunha mañá divertida e segura en O Recreo, onde quedaron ao coidado de monitores especializados.
Desde Un Paso Máis salientan que "este tipo de iniciativas non só transmiten coñecementos, senón que tamén xeran un impacto emocional positivo: as familias marcharon con sensación de calma, confianza e motivación para seguir aplicando o aprendido".
Nova sesión
Ademais, xa están a preparar a terceira parada do programa, que terá lugar o 13 de decembro baixo a denominación “Medrando en autonomía: habilidades para a vida diaria”. Nesta ocasión, o taller contará coa participación da propia Lucía Pérez Fernández e da Dra. Isabel García, especialista en TEA, que compartirán coñecementos e estratexias para favorecer a independencia e o desenvolvemento das familias no día a día.

