Un programa de actividades en Carballo polo Día da Auga
Ata polo Día da Auga artella actividades culturais o Concello de Carballo. O concello carballés quere celebrar o 125 aniversario da primeira “traída de auga de Carballo”, inaugurada en 1900 cunha fonte principal na actual Praza de Galicia (por aquel entón Praza da Liberdade). A chamada fonte do Pilar foi , foi trasladada anos máis tarde á praza Alfredo Brañas, onde permanece.
Así, mesturando ambas datas, concello e a empresa concesionaria do ciclo integral da auga, Gestagua, colaboran na organización dunha serie actividades para “reactivar a memoria local poñendo en valor dous elementos arquitectónicos emblemáticos da vila".
O Concelleiro Miguel Vales presentou o programa acompañado polo concelleiro de Obras, Luis Lamas; o alcalde, Evencio Ferrero, e dous representantes de Gestagua, Benigno López, que foi ata hai uns días o xefe do servizo en Carballo, e Carlos Berroy, que ocupa agora ese posto.
Os colexios e institutos poderán realizar visitas guiadas ás depuradoras nos meses de abril e maio, previa solicitude, e para o público en xeral realizarase unha o 14 de abril dentro do programa MercaEscola, aberta á participación de calquera persoa que poida estar interesada.
E o sábado 22 unen o Día dos Bosques e o Día da Auga nunha xornada popular na Praza de Alfredo Brañas. Nese punto celebraranse a partir das 11.00 horas obradoiros para nenos e nenas de 3 a 12 anos: “Gotas de auga”, no que crearán pingas decoradas con globos de cor azul, e “Planta unha semente”, na que realizarán macetas para plantar sementes de especies autóctonas. A participación é libre e de balde, aínda que se recomenda inscrición previa nesta ligazón.
O mesmo 22 tamén se realizará unha ruta entre as dúas fontes inauguradas no ano 1900, guiada polo historiador e profesor Xan Fraga Rodríguez. O punto de encontro das persoas que queiran sumarse será a Praza de Galicia.