O programa Apego, un respiro cultural e lingüítisco para máis de 400 familias de Carballo

Remata a programación semestral do programa Medrando con Apego, unha iniciativa plenamente consolidada despois de 10 anos de actiidades, que combina a dinamización lingüística en galego, o apoio á crianza e a socialización comunitaria desde as idades máis temperás. Cun balance extraordinario de participación, máis de 400 familias sumáronse ao longo destes últimos seis meses ás diferentes propostas artísticas, formativas e de lecer activo programadas polo Servizo de Normalización Lingüistica.
 
O programa ten como epicentro as Escolas do Xardín Agra de Caldas, pero tamén se desenvolven actividades noutros moitos espazos públicos, como a Biblioteca Rego da Balsa, o mercado municipal, as piscinas municipais ou o paseo do Anllóns. Porque un obxectivo de Apego é a creación de espazos públicos humanizados, accesibles e acolledores para a infancia e os seus titores, nos que o uso do galego sexa o fío condutor natural para transmitir emocións, cultura, música e hábitos saudables entre a infancia de 0 a 6 anos.
 
Desde o inicio do ano, a programación ofreceu unha gran variedade de contidos adaptados a cada etapa do desenvolvemento. As familias puideron gozar de propostas que conxugaron a saúde e a arte, como a hixiene bucodental, a xestión emocional ou os obradoiros de neurodesenvolvemento e psicomotricidade para bebés. A música tradicional e o patrimonio literario tamén tiveron un peso fundamental, xunto co estímulo á lectura e diferentes obradoiros, pasando por experiencias na natureza como a andaina guiada polas beiras do río.

Unha sesión de canto e bailo miúdo 

Son no berce, con Cris Collazo, como peche

A programación deste primeiro semestre culminará o vindeiro mércores, 17 de xuño, co espectáculo Son no berce, con Cris Collazo, que ofrecerá dúas sesións de concertos sensoriais deseñados especificamente para bebés de 0 a 4 anos e as súas familias, concibidos como unha viaxe sensitiva que explora os primeiros descubrimentos do corpo e os sons que dan vida á lingua galega. O prazo de inscrición xa está aberto en carballo.gal
 
En setembro arrincará a segunda parte do programa anual.