Razo abríu novas linguaxes entre a música de raíz galega e o flamenco contemporáneo
A residencia creativa Interritmos Raíces Vivas pechou onte a súa segunda edición no Espazo Nature de Razo (Carballo), despois de catro días de traballo intensivo nos que oito proxectos emerxentes exploraron novas linguaxes entre a música de raíz galega e o flamenco contemporáneo.
A iniciativa, coordinada por Deloa e promovida polo GDR Costa da Morte xunto con outros nove GDRs no marco do Leader Galicia 2023–2027, contou coa colaboración da Fundación Paideia Galiza e da Fundación Paco de Lucía.
Os oito proxectos seleccionados —Dentro, Lula Mora, Yas Deluaces, Enrique Ramil, BELISH, Lidia India, Meigai e Faíscas— participaron nun programa estruturado arredor de tres liñas de traballo: autocoñecemento, imaxe e posicionamento profesional.
Ao longo das catro xornadas, as/os artistas participantes traballaron a identidade e a marca persoal coa manager Patricia Hermida; profundaron na identidade escénica e na coherencia estética da man de Mariana Carballal (actriz e docente) e Lara Caeiro (directora de arte e estilista); participaron nun
diálogo sobre estética da raíz contemporánea con Lucía Sánchez e Casilda Sánchez (Fundación Paco de Lucía; exploraron corpo, xesto e presenza escénica coas bailarinas Alba Fernández, Alicia López e Mónika Bellido (bailaora); e completaron sesións profesionais de foto e vídeo con Derek Pedrós para crear o seu kit de prensa.
Un xeito de axudarlles a reforzar o seu discurso e a súa imaxe.