A rede provincial de grupos de conversa "Falarmos... nós" chega á comarca

O Concello de Carballo formalizou hoxe a súa adhesión á campaña de dinamización lingüística "Falarmos… nós", unha iniciativa impulsada pola área de Lingua da Deputación da Coruña. O obxectivo principal é crear espazos de uso da lingua baseados na participación e na conversa nun ambiente seguro, próximo e sen presións, para fomentar a incorporación de novos galegofalantes á realidade sociolingüística da comarca.

Os representantes municipais e a deputada da área, Sol Agra, asinaron o convenio acompañados de varios participantes no programa "Elos Carballo", o foro de conversa en galego promovido directamente polo Concello.

O grupo de conversa reúnese todos os xoves, de 11:30 a 12:30 horas, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. Unha actividade está aberta a todas as persoas interesadas, tanto a aquelas que saben galego pero non o usan habitualmente como a aquelas que están en proceso de aprendizaxe e queren mañar soltura oral. Para sumarse á iniciativa abonda con completar o formulario que atoparás ao final desta nova.

 

A diferenza dun curso académico, nesta rede non hai clases, leccións nin deberes. Trátase de grupos reducidos, de entre 4 e 12 persoas, dinamizados por voluntarios que propoñen temas de cultura, actualidade ou música, priorizando sempre contidos referidos a Galiza. O único requisito para participar é entender a lingua e ter ganas de darlle un pouco máis de espazo ao galego na vida cotiá.