A Regueifa abre o telón do #34FIOT

A regueifeira de Bergantiños Lupe Blanco, unha das protagonistas da xornada

Ábrese o telón da 34ª edición do Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo (FIOT) e faino este mércores, 24 de setembro, en clave de regueifa. O Salón de Actos do Pazo da Cultura carballés acolle dúas actividades de balde e abertas a todos os públicos. vinculadas coa tan bergantiñá arte da improvisación galaica.

Ás 17.30 horas, proxectarase o avance do documental Ao son da regueifa’, de Undodez, que retrata o renacer desta arte de improvisación oral tan nosa para descubrir as voces que a manteñen viva na actualidade. 
 
E, xa contra ás 18.00 horas, abrirarse un espazo para a conversa da man do Consello da Cultura Galega, cunha mesa redonda titulada ‘A arte do canto improvisado’, que pon o foco na regueifa, un rico elemento do noso patrimonio cultural inmaterial. 
 
Os regueifeiros e especialistas neste xénero artístico Alejo Amoedo, Domingo Blanco, Lupe Blanco e Manuel Maseda participarán nesta sesión de análise e divulgación desta expresión cultural que consiste nunha disputa dialéctica a través do canto oral improvisado en verso, e que se caracteriza polo uso creativo do humor, da música e da crítica social. Bergantiños é rico nestas manifestacións, que en Carballo aínda se manteñen vivas a través de diversos proxectos que a poñen en valor.

 
Esta cita serve como aperitivo da ambiciosa e inédita proposta escénica ‘Territorio Regueifa’, de Ainé Producións e coproducida polo FIOT e o CDG, espectáculo encargado de inaugurar o programa de sala do festival a vindeira semana, os días 3 e 4 de outubro, no Pazo da Cultura.
 
Tamén este mércores, ás 20.00h, no marco do FIOT, poderás asistir á inauguración das exposicións ‘Zoom FIOT’ e ‘Xesto’, de Noelia Paz, coa música en vivo da banda carballesa Quercus Blues.

Máis FIOT

Así vén a axenda para esta finde, no FIOT:

 

Máis info