O FIOT regresa ás táboas con 45 espectáculos e 11 estreas absolutas

Presentacion do FIOT 2025 a
O FIOT regresa ás táboas con 45 espectáculos e 11 estreas absolutas

Xa non queda nada. Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, regresará ás táboas para celebrar a súa 34ª edición con 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia, 2 coproducións e figuras imprescindibles da escena teatral contemporánea. Durante cinco semanas, o FIOT achegará a Galicia una coidada selección de propostas á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con propostas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, o Festival de Almagro, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona ou o Festival de Otoño de Madrid.

Así o destacaron na presentación realizada este xoves 4 de setembro no Pazo da Cultura, que incluíu, aberto para a cidadanía, o espectáculo de Fran Sieira Compañía de Danza Un baile ceibe, que contaba no elenco con personalidades como Aida Tarrío ou Mondra.

Presentacion do FIOT 2025 bailando
Un baile Ceibe na presentación do FIOT

Na presentación participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o director do FIOT e presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro; o Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a concelleira de Cultura e Festas de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo; e o presidente da Fundación Luís Calvo Sanz, Luciano Calvo, que estiveron acompañados por socios de Telón e Aparte, voluntarios do FIOT, entidades colaboradoras, produtoras, compañías e artistas participantes, grupos socioculturais de Carballo e medios de comunicación

Carballo. A CoruñaO conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participan na presentación da 34ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro04/09/2025Foto: Moncho Fuentes/AGN A Coruña 

Variedade de propostas

Pero ademais do Pazo da Cultura, o FIOT encherá ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con pezas
de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Ainé, Quico Cadaval, Paula Quintas, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro.

Porque ademais do programa de Sala, o FIOT trae OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc

“Raíz viva, memoria colectiva” 

O leitmotiv desta edición busca poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade. Un xeito de mirar a tradición, a memoria e a orixe. Pero sempre, cunha mirada contemporánea cara o presente e o futuro.

UN PROGRAMA Á ALTURA DOS GRANDES TEATROS E FESTIVAIS EUROPEOS NO #FIOT34

Tendes xa o programa completo na web do FIOT, pero facemos un pequeno avance. No #FIOT34 non faltarán producións con selo galego que formarán parte fundamental do seu programa, da man de compañías e artistas tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé, Pistacatro, Paula Quintas Cía., Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez ou Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–.

Un ano máis, os pratos fortes serviranse no Programa de Sala: Improvisación, humor, música, teatro e o espírito festivo propio da regueifa configuran un espectáculo total, Territorio Regueifa, de Aine Producións, coproducido polo FIOt e que será a peza encargada de abrir o Programa de sala deste #FIOT34 o venres 3 e o sábado 4 de outubro no Pazo da Cultura de Carballo.

O venres 10 de outubro, tamén no pazo da Cultura, chegaralle a súa quenda a Adolescencia infinita. A través do humor, da ironía e da tenrura, música en directo e moita hormona adolescente, enerxía de festa, gritos e choros, Pont Flotant –Premio do Público do FIOT en 2022 co seu espectáculo Eclipse– pon o foco neste proceso vital cheo de luces e sombras.

O sábado 11 de outubro, chega ao FIOT por primeira vez a premiada compañía Campi Qui Pugui, cunha bagaxe internacional de vértixe, para presentar a súa creación Matres. Actores, máscaras e bonecos crean un mundo máxico para contar unha fermosa historia sobre a maternidade e a infancia, a vida e a perda, a enfermidade e a norte, desde a ollada tenra dun neno que intenta comprender.

Dez anos despois da súa anterior visita ao FIOT, o prestixioso arxentino mestre de actores Gabriel Chamé Buendia volve a reinventar a Shakespeare desde o humor físico e unha linguaxe escénica lúdica que recorda a mellor tradición xograresa. Será con Medida por medida, que o público do FIOT poderá ver o venres 17 de outubro no Pazo da Cultura.

O sábado 18, chega un dos imprescindibles da programación deste 2025, Un sublime error, de Needcompany, una poética celebración da vida da man de dous sublimes artistas: o innovador director Jan Lauwers, un dos grandes nomes da escena contemporánea europea, e o impecable e reputado actor Gonzalo Cunill.

Xa o domingo 19, o FIOT propón unirse á Farra e que públicos de todas as idades gocen co espírito de experimentación e co risco do artista multidisciplinar Lucas Escobedo, que se aliou coa Compañía Nacional de Teatro Clásico para fundir o circo, o teatro, a música en directo e o humor co verso e a tradición barroca. Ademais de colleitar éxitos nos escenarios de toda España, este traballo foi recoñecido co Max ao Mellor Espectáculo Musical 2025.

Pola súa banda, o venres 24 de outubro chega a Carballo outra das creación máis celebradas da pasada temporada en España,14.4, onde o director e dramaturgo Sergio Peris-Mencheta, en colaboración con outro referente do teatro actual como Juan Diego Botto, constrúen un relato de migración, soños e supervivencia, cunha linguaxe sobria e realista, pero á vez lírica e poética, que nos encollerá o corazón.

En Yo solo quiero irme a Francia (sábado 25 de outubro, no Auditorio do Pazo da Cultura), catro mulleres de diferentes xeracións buscan ese lugar que tanto anhelan: a liberdade. O espectáculo está protagonizado por María Galiana, grandísima actriz de cine e de teatro, gañadora dos máis importantes premios, como o Goya ou Mérito a las Bellas Artes do Ministerio de Cultura. Xunto a ela, subiranse ás táboas Nieves de Medina, Alicia Armenteros e a galega Ledicia Sola. Esta función inicia a xira desta nova aventura dunha das produtoras galegas máis sólidas, Contraproducións.

E, para botar o pano do Programa de Sala o venres 31 de outubro, teremos a Vulcano. Con moito humor e cun formato de thriller e investigación criminal, a peza é o resultado do encontro entre as miradas de dúas puxantes figuras da escena contemporánea española, a dramaturga Victoria Szpunberg e a directora Andrea Jiménez.

Outros programas

No OTNI e no Teatro de Rúa, haberá espazo para as linguaxes híbridas, arriscadas e sorprendentes, a cargo de premiadas formacións ás que non perder a pista, como Xampatito Pato, Chicharrón Circo Flamenco, El Patio Teatro, Cía. CAÍ, Pistacatro, GANSO & Cía ou Paula Quintas. Tamén, o mellor humor galego e nacional regresará á Rúa dos Contos do FIOT, con Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez, Bea Campos, Joaquín Pajarón ou Alex O’Dogherty, entre moitos outros. Nos faltarán, tampouco, as propostas de rúa máis máxicas e sorprendentes, con acrobacias, música, teatro físico… para toda a familia. E, tamén, creacións de microteatro para espazos non convencionais do xa tradicional e pioneiro Certame Micro-escenas M2, ademais dunha vintena de actividades de mediación no programa En paralelo do FIOT

Entradas

As entradas para a Rúa dos Contos deste #FIOT34 estarán dispoñibles a partir do 12 de setembro, mentres que o público xeral poderá adquirir os seus bonos e entradas soltas para o resto de funcións do Programa de Sala, OTNI, FIOT en Ruta e FIOTiño a partir do 19 de setembro na plataforma en liña Ataquilla.com.

Máis novas do FIOT

Comentarios