Arrincou a décima edición da Escola Ambiental Senda Nova-Concello de Carballo

Roberto abriu as portas da súa casa construída baixo criterios de bioconstrucion nas Torres

Botou a andar a singular Escola Ambiental de Senda Nova-Concello de Carballo. A pasada fin de semana celebrouse a presentación desta 10ª edición, que serviu para recibir ás familias, solventar dúbidas, coñecer Espazo da Natureza de Oza e ir abrindo boca a este programa que achega a natureza ás crianzas da contorna cada fin de semana.


Presentación da Escola Ambiental de Senda Nova-Concello de Carballo

E paralelamente, continúa en marcha o fermoso programa do Outono en Marcha, que transcorre tamén na súa décima edición. Desta volta percorreu a ruta chamada as Pegadas do Wolframio, unha ruta singular que comezou no núcleo das Torres, onde o bombeiro e colaborador da entidade Roberto, debullou as nocións básicas de bioconstrución nas que se fundamenta a súa vivenda.

Foron uns 40 os camiñantes que desafiaron o frío, e degustaron tamén as vistas dende Eira das meigas, en Monte Neme, onde Adrián Eirís, coordinador da plataforma en defensa de Monte Neme, contou unha serie de lendas.