Senda Nova, Premio Osíxeno 2019

Unha imaxe da Escola Ambiental de Senda Nova

Volve ter os Premios Osíxeno da entidade ADEGA protagonismo da Costa da Morte. A Asociación Senda Nova é a escollida pola entidade ecoloxista como merecedora do Premio Osíxeno colectivo 2019, polo se traballo de posta durate o 2019 e na última década a prol da “educación ambiental nas comarcas de Bergantiños, Soneira e Ordes, converténdose nun referente na zona na organización de actividades de interpretación da Natureza”.

Unha fermosa nova para a activa familia bergantiñá, que segue achegando a natureza sobre todo a mocidade.

A entrega será na Cea de Confraternización da 44ª Asemblea Xeral de ADEGA, que terá lugar o sábado, día 29 de febreiro, no Hostal Río Sil, da vila de Carballo.

Xunto a Senda Nova, será recoñecida tamén co galardón Osíxeno de Honra Elvira Cienfuegos, catedrática de Ciencias Naturais, bióloga, docente, política e ex-secretaria xeral de ADEGA. O Premio Osíxeno individual 2019 será para Manuel García, un dos fundadores do Movemento Ecoloxista da Limia e da plataforma Auga Limpa Xa!, ademais de pioneiro na produción e comercialización de horta ecolóxica en Galiza.

A entidade tamén entrega, en clave de protesta, os Premios Dioxina, que coma sempre caen nas administracións gobernadas polo PP. O Premio Dioxina individual 2019 será para o actual Director Xeral Enerxía e Minas, Ánxel Bernardo Tahoces, por avalar a autorización de proxectos altamente agresivos co medio natural (co rural e co mar) e con forte oposición social como a mina de Touro-O Pino, o parque eólico Serra do Iribio ou a mina de San Finx (Lousame),.
E o Premio Dioxina colectivo 2019, para os responsábeis da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural polo seu desleixo e actitude de “deixar facer” á industria forestal ou mineira fronte á protección do patrimonio cultural (Castro de Trinidade, Cova Eirós, Camiño de Santiago, etc.).

 

Novas de Senda Nova

Máis novas