Sumrrá e Ialma, principais nomes do Novembro con Música carballés

Ialma na Festa Galega de Malpica

Arrinca este xoves 20, o ciclo Novembro con Música, co que o concello de Carballo rende honra a Santa Cecilia. A primeira cita do festival, que mesturará sons tradicionais con jazz e con teatro, serña coa banda de música folk da man de IALMA.
Aínda que residen en Bruxelas, Verónica, Natalia, Marisol e Eva, as compoñentes do grupo, manteñen unha conexión permanente coa súa terra natal, Galicia. Están de xira polo seu 25° aniversario - que coincide co 50° aniversario do fin da ditadura franquista, que obrigou á súa familia a fuxir de Galicia para refuxiarse en Bélxica - que serve de a todas as mulleres e homes que, en calquera lugar do planeta, tiveron que desarraigar a súa vida para escapar da ditadura. O concerto é ás 20.30 horas no Pazo da Cultura e está organizado coa colaboración da Deputación da Coruña.

E ao día seguinte, o venres 21, Novembro con Música cambia de rexistro para somerxerse no jazz de Sumrrá. A agrupación está formada polo pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería Lar Legido. Recoñecidos coma o trío galego mais internacional e galardoados co Premio Jazz España 2022, Sumrrá, ao igual que IALMA, celebra en 2025 o seu 25º Aniversario, consolidándose coma o máis lonxevo da escena española. Un cuarto de século actuando como embaixadores do jazz galego máis contemporáneo ao seu paso por festivais de recoñecido prestixio internacional. Centos de concertos, sete discos publicados e 25 anos de carreira que fan de Sumrrá un grupo de culto, avalado pola crítica internacional e considerado case coma lendario entre os amantes do jazz contemporáneo. A cita é ás 21.00 horas no Pazo da Cultura e está organizada coa colaboración da Deputación da Coruña.

Coral

Despois da celebración do 40º aniversario do Coro Aires de Bergantiños, a música coral continúa o sábado 22 de novembro co Festival de Santa Cecilia, na mesma xornada na que se celebra o día da patroa da música. Organizado cada ano pola Coral Polifónica de Bergantiños, a agrupación convida a cantar con eles nesta ocasión á Coral Polifónica Follas Novas de A Coruña, á Coral Polifónica de Meis e á Coral Polifónica Costa da Morte de Cee. A Coral de Bergantiños é unha entidade fundada en 1969 e que conta desde hai máis de 30 anos coa dirección musical de Gloria de los Ángeles Pardines. A cita está prevista para ás 20.00 horas no Pazo da Cultura.

Teatro

No programa tamén hai oco para o teatro con Vagalume en ruta. A Asociación Cultural Coro Vagalume ofrece o sábado e o domingo dúas funcións de teatro amador coa colaboración da Asociación Ría de Lema e a Asociación San Xens de Entrecruces.

        O sábado 22 de novembro será a quenda para o Local Social de Lema con función ás 19.30 horas.
        E o domingo 23 de novembro o Local Social de Entrecruces desfrutará de Operación Barranco ás 18.00 horas.

Formación

O domingo 23 de novembro celébrase unha Masterclass de Técnica vocal impartida por Tania Caamaño. Esta actividade enmárcase dentro das propostas que se teñen levado ao longo de todo o ano para poñer en valor a música tradicional e o papel das cantareiras do municipio recollendo o espírito do Día das Letras Galegas, que este ano estivo dedicado á poesía popular de tradición oral. A actividade é de asistencia reservada para as agrupacións musicais de Carballo e está prevista para as 11.30 horas no Pazo da Cultura.

Exposición

Por último, dentro das actividades complementarias, o andar -1 do Pazo da Cultura acolle a exposición Zoom FIOT, un proxecto fotográfico sobre o Festival Internacional Outono de Teatro que se realiza desde hai 10 anos e que ofrece unha visión íntima e persoal do evento. Unha ollada privilexiada ao corazón dos espectáculos enmarcados na anterior edición do FIOT. Os fotógrafos participantes nesta exposición son: Cris Becerra, Raúl Lorenzo, Marcos Rodríguez, Esther Chamoso, Daría García, Fernando Lema e Fabiola Lorenzo. Poderá visitarse até o 30 de novembro de luns a sábado de 16.00 a 21.00 horas.