martes. 11.11.2025
El tiempo

A banda Ialma comeza a súa xira galega polo 25 aniversario en Vimianzo e Carballo

Ialma concertos Deputacion na Costa da Morte
A banda Ialma comeza a súa xira galega polo 25 aniversario en Vimianzo e Carballo

IALMA é a banda máis representativa da diáspora europea galega.  Malia que viven en Bruxelas, as Verónica Codesal, Natalia Codesal, Marisol Palomo e Eva Fernández manteñen unha conexión permanente coas súas raíces galegas. Ao longo destes 25 anos, a cultura musical e as tradicións galegas foron o corazón da súa creación artística, inspirando un repertorio que bebe da tradición oral galega pero que dialoga coas culturas, linguas e estéticas que conforman a vida cosmopolita da capital europea. 

Levan 7 discos e comezan, da man da Deputación, a xira "Ialma 25 anos. Para Galegas Nós", que serve ademais para conmemorar o 50º aniversario do fin da ditadura franquista, un fito que marcou a historia de miles de familias galegas, incluídas as das propias integrantes de IALMA, que emigraron a Bélxica na busca de liberdade e futuro. 

 

Todas as cancións están interpretadas en galego e acompañadas de instrumentos folk como o acordeón diatónico, o violín, a guitarra, as voces e as pandeiretas galegas. O repertorio inclúe pezas tradicionais e composicións propias que reflexan a súa identidade como emigrantes galegas nadas na diáspora, levando a nosa tradición e compromiso por todo o mundo. As catro voces galegas estarán acompañadas por tres músicos belgas, entre eles Didier Laloy, que leva 25 anos compartindo escenario co grupo. Didier expresa o seu fondo agradecemento por formar parte deste proxecto musical que simboliza a unión entre culturas e sons, e que deu forma ao inconfundible estilo de IALMA.

A banda contará ademais con artistas galegos convidados nos catro concertos, amigos e cómplices que as acompañaron ao longo destas dúas décadas e media de camiño e aos que agradecen o seu apoio para manter viva esta riqueza cultural na diáspora.

Considerado un dos grupos galegos máis destacados da emigración, IALMA realizou un gran número de xiras internacionais. A súa voz principal, Verónica Codesal, representou a Bélxica en Eurovisión hai 20 anos, sendo a primeira vez que soou unha gaita galega no certame. Desde entón, segue a cantar en diversos proxectos musicais, sempre co seu compromiso fondamente galego e universal.

As citas

A xira galega ten confirmadas as seguintes datas, que consistirán en concertos especiais nos que se repasará o repertorio do grupo xunto a artistas convidados, e que contarán tamén con faladoiros despois de cada actuación:

  • Sábado 15 de novembro de 2025 – Vimianzo, Auditorio Casa da Cultura. Dentro do programa Outono das Artes, da Deputación da Coruña. 
  • Domingo 16 de novembro de 2025 – O Pino, Centro Sociocultural Luís Seoane. Dentro do programa Outono das Artes, da Deputación da Coruña. 
  • Mércores 19 de novembro de 2025 – Padrón, Casa Rosalía. Data promovida pola Secretaría Xeral da Lingua, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
  • Xoves 20 de novembro de 2025 – Carballo, Pazo da Cultura. Dentro do programa Outono das Artes, da Deputación da Coruña. 

Outras novas

Comentarios