O surfing volve levar o mar ás aulas da comarca

Unha nena do CEIP Netoma - Razo esta semana nas sesións preliminares

Como fai a través da vela a iniciativa O Mar na Escola polo sur da comarca, faino polo norte o programa educativo "Aprende a través do surfing". Impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, e desenvolto polo colectivo Surf and Clean, comeza xa unha nova edición nos centros escolares carballeses, reafirmnándose como unha das iniciativas pedagóxicas máis completas de Galicia ao combinar o deporte, a ciencia mariña e a cultura oceánica. 

Este ano ademais, o impacto de Aprende a través do surfing é cada vez maior, e este ano a praia de Razo recibirá tamén estudantes de centros de Coristanco, Santa Comba, Negreira e Zas.

Tras o éxito de participación de cursos anteriores, o proxecto arrincou esta semana no CEIP Nétoma-Razo, o primeiro en experimentar unha completa programación que vai moito máis alá das ondas, e continúa estes días no Gándara-Sofán.

Aprende a través do Surfing no CEIP Netoma Razo

Nesta primeira fase de 2026, o alumnado do CEIP Nétoma-Razo conta cunha biblioteca especializada de 25 títulos sobre a cultura do surf en colaboración con Libros del Océano, ademais dunha exposición didáctica de 9 paneis sobre os cetáceos, tartarugas e aves mariñas que habitan as nosas costas, creada en colaboración coa CEMMA, que poden verse esta semana e tamén despois das vacacións.

O programa continuará o seu periplo polo CEIP A Cristina e o CRA Ponte da Pedra despois da Semana Santa, preparando o camiño para as xornadas prácticas de surf que terán lugar en maio na praia de Razo.

 

Tradición e identidade: surf e olaría

Como novidade destacada tras a Semana Santa, o proxecto integrará a artesanía local a través dun obradoiro-contacontos. Partindo da lenda Layar e a lectura do libro Origen, o alumnado afondará no coñecemento dos pobos indíxenas para rematar creando a súa propia táboa de surf en barro, nunha colaboración especial co Obradoiro Gorín de Buño. Esta actividade busca conectar a modernidade do surf coa tradición milenaria da olaría.

Máis novas