As traballadoras da residencia DomusVi de Carballo mobilízanse para reclamar un convenio digno

Manifestacion DomusVi Carballo FolgaResidencias_01
Imaxe da mobilización deste pasado luns polas rúas de Carballo
As traballadoras da residencia de maiores DomusVi de Carballo están a desenvolver un calendario de mobilizacións no marco da folga indefinida convocada por CIG, CCOO e UGT en demanda dun convenio colectivo digno para o persoal das residencias privadas de Galicia. Pero non é doado exercer o dereito folga no país, pois a Xunta vén de determinar uns servizos mínimos do 100%. Deste xeito, para darlle visibilidade á loita as traballadoras acordaron concentrarse todos os luns e venres diante do centro de DomusVi (rúa Mirtos).

Así, o persoal xa realizou protestas o pasado venres 18 e o pasado luns 21 de marzo, e o próximo venres, 25 de marzo, teñen convocada concentración ás portas da residencia de 14:30 a 15:00 horas. Para o luns 28 de marzo, ademais, farán unha manifestación que sairá a residencia ás 14:30h e percorrerá as rúas de Carballo para rematar diante da Casa do Concello.

Situación

Lembran dende a CIG que “o persoal traballador das residencias privadas, maioritariamente mulleres, leva dous anos sen convenio colectivo e sen o incremento salarial pactado, que tería que se corresponder co IPC e alcanzar, polo tanto, o 6,5%. E co agravante de que as empresas si comezaron a aplicar esa suba, que é duns 80€/mes, a cada persoa usuaria e que tamén a Xunta de Galiza incrementou nesa porcentaxe a cantidade que destina a estes centros”.

Por iso a CIG-Servizos critica a actitude das patronais, AGARTE e ACOLLE, que son as dúas asociacións maioritarias neste convenio colectivo, por facer caso omiso ás demandas e propostas das centrais sindicais e das traballadoras, mais tamén á Xunta, por mirar para outro lado e permitir que se dea esta situación.